A XUNTA INVISTE 2,3 MILLÓNS DE EUROS NA MODERNIZACIÓN DOS QUIRÓFANOS DE NEUROCIRUrXÍA DO HOSPITAL CLÍNICO DE SANTIAGO E DO UNIVERSITARIO DE OURENSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 09 2022

​A Xunta de Galicia vén de adxudicar a contratación da ampliación e actualización do sistema de planificación e navegación cirúrxica no Servizo Galego de Saúde por un importe total de 2.280.586 euros. Unha contratación que completa a cobertura da planificación iniciada no ano 2018 en 3 áreas sanitarias -Vigo, A Coruña e Cee e Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos - estendéndoa a todos os servizos de neurocirurxía do Sergas e aos seus equipos de navegación para a realización de intervencións, cun investimento total de 3,5 millóns de euros.

A contratación actual permitirá a modernización dos quirófanos de neurocirurxía emprazados no Hospital Clínico Universitario de Santiago e no Hospital Universitario de Ourense coa ampliación do sistema de planificación cirúrxica, que posibilitará a planificación das cirurxías dende calquera punto do hospital, e coa adquisición de dous equipos de última xeración para a neuronavegación, que aumentarán a precisión das intervencións cirúrxicas, mellorando a seguridade do paciente e a súa calidade de vida.


Ademáis,  o quirófano do Hospital Clínico Universitario de Santiago contará cun sistema de imaxe intraoperatoria 3D - TC intraoperatorio- así coma un sistema de imaxe intraoperatoria 2D -un ecógrafo intraoperatorio en neurocirurxía -integradas co sistema de navegación, así coma un sistema de imaxe intraoperatoria 2D, un ecógrafo intraoperatorio e en neurocirurxía, que permitirá a realización de procedementos de columna e cabeza. Estas ferramentas aportan seguridade e control en tempo real do campo de visión do ciruxián.

Tamén, neste quirófano inclúese un sistema que permite a xestión dixital de toda a imaxe de quirófano e mellora a realización dos procedementos de neurocirurxía.

A neurocirurxía diferenciase doutras especialidades cirúrxicas debido á necesidade de manipular estruturas e tecidos singulares, como o sistema nervioso e as súas cubertas. Os sistemas de neuronavegación constitúen unha ferramenta de rutina nos hospitais con neurocirurxía. Proporcionan software e hardware para facilitar a identificación e correlación de pacientes e estruturas de imaxe, para marcar vías ou enfoques ou para identificar límites de lesións. Estes sistemas teñen varias vantaxes: son máis cómodos para o paciente, serven para localizar unha lesión puntual e os límites dunha lesión estensa, identifican os corredores anatómicos e ubican en todo momento o lugar onde se atopa o ciruxián.

Compromiso da Xunta no investimento en bloques cirúrxicos

A Xunta de Galicia mantén o firme compromiso de renovación do equipamento tecnolóxico sanitario apostando porque Galicia conte cos mellores recursos tecnolóxicos dispoñibles para o tratamento das doenzas de todas as galegas e galegos e que os nosos profesionais conten cos mellores recursos para poder facelo. Nos Orzamentos para 2021, a Xunta orientou case 60 millóns dos fondos REACT-EU para este fin.

O Executivo galego realizou un investimento de máis de 4’3 millóns de euros para adquirir 37 novos equipos radiocirúrxicos. Destes 37 equipos, tres deles son radiocirúrxicos-vasculares. Destinándose, en exclusiva, aos quirófanos onde se practica este tipo de cirúrxia, ao permitir a realización de técnicas complexas: como a reparación endovascular de vasos arteriais periféricos en membros inferiores, sistema carotídeo e enfermidade dexenerativa da aorta torácica e abdominal.

Os restantes 34 equipos radiocirúrxicos renovan os equipamentos existentes nos bloques cirúrxicos para o seguimento e control en intervencións de cirurxía xeral, ortopedia, traumatoloxía, uroloxía, etc. Estes aparellos dispoñen de tecnoloxía que mellora a calidade da imaxe, e a capacidade de integración da imaxe e das doses impartidas.

Outro fito a destacar foi a adquisición de sete sistemas cirúrxicos robotizados ‘Da Vinci’, un para cada unha das áreas sanitarias, que levan un ano funcionando e permitiron realizar xa máis de 1.500 intervencións. O investimento xa comprometido pola Xunta de Galicia para a instalación, mantemento e material para o funcionamento deste equipamento supera os 56 millóns de euros.

Estes sistemas robótico-cirúrxicos contribúen a mellorar a destreza e a capacidade cirúrxica na cirurxía laparoscópica. Esta maior destreza permite ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, nalgúns casos serían imposibles.

Así mesmo, os Orzamentos da Xunta para o ano 2022 están a supoñer un investimento de máis de 90 millóns de euros destinados á tecnoloxía e ao equipamento para os centros sanitarios galegos. Esta partida xa permitiu licitar por 3 millóns de euros a renovación de máis de 50 mesas cirúrxicas da rede de hospitais públicos galegos.

 Tamén dentro dese investimento, a Xunta está a destinar 60,3 millóns dos fondos Next Generation para renovar e ampliar o equipamento de alta tecnoloxía dos hospitais galegos, tendo autorizados xa os contratos para renovación ou incorporación de 4 aceleradores lineáis, 9 resonancias magnéticas, 34 TACs, 3 equipos PET-TC, 2 equipos de braquiterapia ou 8 equipos de radioloxía vascular e neurovascular.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud