GALICIA COMPLETA O MAPA DE CENTROS DE INVESTIGACIÓN GALEGOS COA ACREDITACIÓN DO INSTITUTO DE INVESTIGACIÓN SANITARIA GALICIA SUR EN VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 10 2022


“É para min unha honra poder conmemorar a acreditación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, que se une así aos da Coruña e Santiago e pasa a incorporarse a un grupo selecto de pouco máis de 30 institutos acreditados en España”. Así o destacou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de clausura da acreditación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente; polo profesor emérito, José Ramón Fernández Lorenzo, responsable directo deste proceso; e pola directora científica do Instituto, Eva Póveda.

Segundo remarcou o conselleiro de Sanidade, esta acreditación “sitúa a Galicia á vangarda na investigación en saúde con tres institutos de investigación acreditados”, e isto non sería posible “sen o labor que realizan os investigadores e o persoal de xestión do Instituto”.

Para un servizo de saúde como o do Sergas, “é moi importante manter un alto nivel de investigación, que non pode entenderse sen o labor da docencia e da formación, e que redunda na mellora do nivel de asistencia sanitaria que prestamos á nosa cidadanía”. O responsable sanitario salientou, así mesmo, “a colaboración da Universidade de Vigo ao longo do proceso de acreditación”.

Tal e como detallou o conselleiro, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur reflicte a súa excelencia “a través dos proxectos que saen das súas áreas de investigación”, que están vencelladas aos ámbitos de neurociencia e enfermidades psiquiátricas; as enfermidades inflamatorias e infecciosas e trastornos inmunitarios; o metabolismo, a nutrición e enfermidades raras e de base xenética; as enfermidades de grandes sistemas, o avellentamento e a medicina rexenerativa; o cancro; e a eficiencia e a calidade en servizos de saúde, así como a seguridade do paciente e a economía da saúde.

Dos proxectos cos que conta o Instituto, Comesaña citou, entre outros, os que afondan no desenvolvemento de biomarcadores familiares de deterioro cognitivo e estrés familiar na enfermidade de alzhéimer; a epidemioloxía xenómica e monitorización en tempo real do sars-cov-2 en Galicia, ou o uso da intelixencia artificial para mellorar a rendibilidade diagnóstica da anxiografía coronaria mediante tomografía computerizada.

Apoio ao persoal investigador

Na súa intervención, o responsable do Sergas sinalou que, en xuño do pasado ano, asinouse o primeiro convenio colectivo específico para o persoal da Fundación de Investigación Sanitaria de Galicia, “primeiro paso para homoxeneizar as categorías de persoal e introducir melloras salariais e implantar plans de formación”.

O departamento sanitario galego traballa a prol da estabilización dos seus investigadores e, -tal e como remarcou o conselleiro-, o Sergas recolleu, por vez primeira, prazas especificamente para persoal investigador, no decreto do pasado mes de maio polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria. Nesta mesma liña, o Executivo galego aprobou o contrato plurianual de xestión da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) ata o ano 2025, introducindo como unha das principais funcións deste organismo “a consolidación dunha estrutura de servizo ao persoal investigador”.

En definitiva, “apostar pola investigación é apostar por mellorar o sistema sanitario da cidadanía galega”, unha aposta, -remarcou Comesaña-, “que manteremos co compromiso da Consellería de Sanidade e entidades como GAIN ou ACIS ou Instituto para traballar conxuntamente na consecución de obxectivos previstos para os vindeiros anos”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud