O servizo de Farmacia da Área Sanitaria de Vigo ven de conseguir a máxima certificación de calidade ao seu sistema de xestión. Trátase da certificación conforme á norma Norma ISO 9001: 2015 de Requisitos de Sistemas de Xestión da Calidade (outorgada por AENOR).
Esta acreditación garante que o servizo dispón dun sistema de xestión de calidade que cumpre os esixentes requisitos e estándares promovidos polos organismos internacionais.
O inicio do deseño e implantación desta certificación iniciouse no ano 2020 con Guadalupe Piñeiro como xefa de servizo, e finalizou neste ano grazas á gran implicación e compromiso de todos os seus profesionais, xunto co equipo de Calidade e a Dirección da Área Sanitaria.
Segundo a xefa do servizo, Noemí Martinez López de Castro “estamos moi satisfeitos con este certificado xa que garante que os pacientes son atendidos cos máis altos niveis de calidade e seguridade; ademais, supón un recoñecemento a todo o persoal, xa que grazas ao seu esforzo e dedicación é posible que todos estes procedementos e procesos se leven a cabo coas máximas cotas de excelencia”.
Elevado volume de actividade
O servizo de Farmacia da Área Sanitaria de Vigo conta cun total de 92 profesionais, que traballan con 1.324 principios activos e con 4.548 medicamentos diferentes.
É un servizo central que representa un potente eixo loxístico de distribución de medicación a centros de atención primaria, camas de hospitalización, consultas externas, Hospital de Día, urxencias, quirófanos, radiodiagnóstico e centros sociosanitarios.
Por iso, rexistra un elevado volume de actividade. Como exemplo, pódese subliñar a elaboración da medicación persoalizada de 3.000 pacientes do Hospital de Día; a realización de 70.000 fórmulas maxistrais; ou a atención a case 20.000 pacientes que anualmente acoden ás consultas externas para recoller a súa medicación ou soporte nutricional.
Cabe destacar tamén a atención ofertada, xunto cos farmacéuticos de atención primaria, a 13 centros sociosanitarios da Área de Vigo, nos que os farmacéuticos controlan a medicación de 1.700 usuarios. O pasado ano rexistráronse 800.000 dispensacións de medicamentos a estes residentes.
O Sistema de Xestión de Calidade supón documentar e sistematizar todos estas actividades do servizo, para mellorar a seguridade e eficiencia das mesmas, o que implicou realizar unha reenxeñaría de procesos, redeseñando circuítos e sistemáticas de traballo.
“En definitiva -asegura Noemí Martinez- nos permite traballar de forma uniforme e segura para os nosos pacientes e profesionais sanitarios, cumprindo cuns estándares de eficacia e eficiencia. Ademais, este sistema é dinámico e continuo e basease na mellora constante, analizando de forma multidisciplinar problemas ou dificultades no día a día”.
Auditorías Rigorosas
Segundo explica a xefa do servizo, o procedemento polo que se concede esta certificación esixe un gran esforzo e moitas horas de traballo por parte de todo o persoal xa que implica o desenvolvemento de varios niveis de actuación.
A primeira fase é de definición, que estipula que é necesario facer e o modo de levalo a cabo; a segunda, a fase de implementación desas medidas; tras esta, realízase unha primeira avaliación interna. En función das autocorreccións internas, se presenta a solicitude de acreditación ao organismo certificador.
Tralo envío da documentación requirida, o servizo foi sometido a varias auditorías nas que inspectores se desprazaron para comprobar “in situ” o sistema de xestión desenvolvido e valorar todos e cada un dos parámetros establecidos para a concesión desta certificación.
Estas inspeccións realizadas foron moi rigorosas e exhaustivas, controlando tanto os recursos materiais e humanos como os criterios de calidade. Valoraron desde temas organizativos ata a parte técnica, funcións, disposición de equipos, protocolos e procedementos de traballo, e incluso realizaron entrevistas a persoal e pacientes.