A XUNTA ACTUALIZA O SEU PROTOCOLO SANITARIO ANTE CASOS DE SUBMISIÓN QUÍMICA TRAS INCORPORAR AS ACHEGAS DO OBSERVATORIO GALEGO PARA A VIOLENCIA DE XÉNERO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 10 2022

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, explicou hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia, que a Xunta vén de actualizar o seu protocolo sanitario ante casos de submisión química, tras incorporar as achegas do Observatorio galego para a violencia de xénero.

O director xeral falou hoxe, no Pazo do Hórreo, das xestións feitas pola Xunta para estender a todas as áreas sanitarias o protocolo para a atención integral das vítimas por submisión química elaborado no Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO).

A  tal efecto, Jorge Aboal dixo que, en base ao protocolo elaborado polo hospital ourensán, o departamento que dirixe Julio García Comesaña, elaborou o documento chamado “Procedemento de actuación do Sergas ante casos de sospeita de submisión química”, que, tomando o protocolo inicial de Ourense, fixo un documento sistematizado e adaptado a un formato común, para poder ser implantado en todas as áreas sanitarias, incluíndo, tamén, o ámbito de actuación da atención primaria ante as sospeitas de submisión química. Unha vez elaborado, foi remitido en versión inicial a todas as Xerencias das Áreas Sanitarias e ao Imelga para a súa primeira consideración.

Tal e como remarcou o director xeral, a primeira versión deste documento foi publicada o 10 de agosto deste ano na paxina web do Sergas, e á vez foi remitida a todas as xerencias das sete areas sanitarias, para o seu coñecemento e que, a través dos seus equipos directivos, deran traslado e divulgación a todas as categorías profesionais implicadas nesta atención.

Achegas presentadas

No mesmo 10 de agosto, o protocolo foi trasladado á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en reunión mantida entre o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas e a conselleira María Jesus Lorenzana, co obxecto de que fora remitido ao Observatorio Galego da Violencia de Xénero, para o seu estudo e posibles alegacións ou suxestións por parte das entidades e institucións presentes neste órgano.

En consecuencia, a finais do pasado mes de setembro, na reunión do Pleno deste órgano, foron comentadas as achegas presentadas por diferentes representantes e institucións para logo proceder ao envío por parte do Sergas dunha nova versión do documento, onde se introduciron as alegacións pertinentes, que foi aprobada onte mesmo polo Observatorio Galego da Violencia de Xénero. 

As achegas recibidas foron analizadas e avaliadas na sua totalidade, incorporándose a maioría delas xa que aportaban especificidade ao texto ou mesmo que clarexaban definicións e circuítos. Entre outras achegas, o director xeral sinalou as feitas desde a Consellería de Emprego e Igualdade; a Consellería de Cultura e Educación; a Dirección xeral de Familia, infancia e dinamización demográfica; a Dirección Xeral de Función Pública; a Presidencia da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e o Consello da Avogacía Galega.

Segundo remarcou o director xeral, os documentos elaborados dende o Sergas están en permanente revisión e actualización. Trátase de documentos vivos que vanse actualizando para dar cabida ás novidades derivadas da evidencia científica nestes ámbitos, así como, na mellora na redacción e especificación resultante da sua posta en marcha. 

Obxectivos de actuación

O documento de actuación en caso de submisión química ten como obxectivos, -dixo Jorge Aboal-, por un lado, establecer o procedemento de actuación entre os servizos asistenciais do Sergas, o xulgado de garda da área sanitaria e o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), para sistematizar a sospeita, o diagnóstico, o tratamento e o seguimento das vítimas de submisión química.

Por outro lado, o documento proporciona unha estrutura funcional que coordine as actuacións de todos os servizos de maneira interdisciplinar, co fin último de mellorar o diagnóstico de certeza e o correcto tratamento para a vítima, garantindo, desta maneira, os seus dereitos e facilitando unha resposta integral sanitaria, médico-legal e xudicial.

Entre outros aspectos, -proseguiu Aboal-, o protocolo define en qué consiste a submisión química, as substancias máis habituais empregadas asi como as súas características, e especifica os indicadores de sospeita que deberanse ter en conta polo persoal sanitario tanto de atención primaria como en urxencias hospitarias, para establecer a sospeita.

Xa dentro dos servizos de urxencias, o documento define os motivos de consulta que deben rexistrarse durante o proceso de triaxe, e realiza recomendacións na práctica da anamnesis, a exploración física, e cómo debe quedar reflectido na historia clínica Ianus para non facer que a vítima teña que repetir o seu relato. Tamén sinala as condicións da sua atención, nunha entorna de confidencialidade, intimidade e confort, e ademais establece quen e cando pode acompañar á vítima.

O protocolo define as probas diagnósticas complementarias e as probas toxicolóxicas a realizar ante este tipo de sospeitas, tanto para detectar as consecuencias clínicas da submisión química como para descubrir as substancias empregadas no suposto delito.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, Aboal dixo que o documento indica a obrigatoriedade de realizar o parte de lesións así como seu envío ao xuíz de garda, describindo os marcadores a realizar para pedir as probas mediante o sistema de  petición electrónica dentro da historia clínica, e definindo o procedemento legal para recoller as mostras biolóxicas, e tras a correspondente denuncia realizar o seu envío,  garantindo sempre a cadea de custodia en colaboración co xuíz de garda e os profesionais do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

O documento tamén describe o seguimento clínico posterior, valoración de profilaxe, apoio da unidade de saúde mental, o acceso á asistencia xurídica gratuíta ou derivación ao traballador social de ser preciso para valoración da situación familiar e da rede de apoio.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud