Santiago
de Compostela, 19 de outubro de 2022.- Os
investigadores do IDIS contan xa co
primeiro equipo de auto radiografía de última xeración en España e un dos
primeiros de Europa. Trátase dunha tecnoloxía de vangarda que está deseñada
para xerar imaxes en tempo real da biodistribución dun radiofármaco sobre
mostras in vitro e que terá
aplicación en investigacións no ámbito da oncoloxía e tamén en neuroloxía,
enfermidades inflamatorias-infecciosas ou oftalmoloxía, entre outros.
O aparato xa está en funcionamento
nas instalacións do CEBEGA grazas a un equipo que estará vinculado aos grupos
de investigación de Imaxe Molecular (IDIS e CIMUS) e Farmacoloxía Clínica
(IDIS-Hospital Clínico), liderados por Pablo Aguiar e Anxo Fernández Ferreiro.
Está deseñado para xerar imaxes en
tempo real da biodistribucción dun radiofármaco sobre mostras in vitro cunha resolución espacial de 20
micras, cunha nitidez que ningunha outra técnica de imaxe con radiofármacos foi
capaz de alcanzar ata o momento.
“A incorporación deste equipamento
supón unha ferramenta excelente para acelerar o desenvolvemento de novos
fármacos, que se empregan tanto para o diagnóstico como para o tratamento de
enfermidades”, subliña Anxo Fernández Ferreiro, ao tempo que engade que “as
principais aplicacións centraranse en oncoloxía, pero tamén está previsto
desenvolver proxectos no campo da neuroloxía, oftalmoloxía e as enfermidades
inflamatorias-infecciosas”.
A combinación desta nova tecnoloxía
con outros equipos de imaxe preclínica xa dispoñibles no centro, como o
PET/TAC, SPECT/TAC, OCT e PET/RM, así como a proximidade do Ciclotrón de
GALARIA, como produtor de radiofármacos, converten á contorna do Hospital
Clínico nunha institución de referencia a nivel europeo no campo da imaxe
molecular ao servizo dos investigadores do IDIS, con grupos vinculados ao
SERGAS e á USC.
Así, a presenza de todas estas
tecnoloxías disruptivas levou a que recentemente o IDIS, a USC e GALARIA se
unan para realizar unha solicitude conxunta ao Ministerio de Ciencia e
Innovación para que a investigación galega en imaxe sexa recoñecida como unha
Infraestrutura Científica e Técnica Singular (ICTS) e se erixa así nun centro
de referencia acreditado para ofrecer servizos de imaxe a centros de
investigación de toda España”, anuncia Pablo Aguiar.