“As
partidas previstas para convenios con entidades de atención á
drogodependencia no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2023 superan
por primeira vez os 7,5 millóns de euros, o que significa que
aumentaron un 16% ao longo desta lexislatura, dende o ano 2020”.
Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,
na súa visita á Asociación Ferrolá de Drogodependencias, Asfedro,
acto no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta,
Martina Aneiros, e polo xerente da área sanitaria, Ángel Facio.
Tal
e como destacou o responsable da sanidade pública galega, dentro
deste orzamento hai unha cantidade para convenios de incorporación
social e para o desenvolvemento de programas de asistencia a
pacientes con trastornos adictivos. Neste segundo grupo atópase o
convenio con ASFEDRO, que no vindeiro ano, -tal e como destacou o
conselleiro-, “vai superar por primeira vez o millón de euros”,
o que supón que, nesta lexislatura, o departamento sanitario
incrementa en case 120.000 euros a achega anual que o Sergas fai a
esta entidade.
O
conselleiro comprobou na súa visita o traballo que fai esta
entidade, “que xa nos constaba que era dun altísimo valor” e
para escoitar as súas demandas e necesidades. Trátase dunha
asociación cunha decena de traballadores que atendeu o pasado ano a
máis de mil pacientes.
Do
mesmo xeito, Comesaña destacou que outra importante entidade desta
cidade, como é a Asociación de Ex Alcohólicos de Ferrolterra, vai
superar os 125.000 euros no seu convenio, o que supón un 22% máis
que no 2020.
Segundo
incidiu o conselleiro, ademais de atender ás persoas afectadas por
estas adicións, o principal obxectivo da Xunta é prevelas, por iso
incrementou as achegas para programas de prevención. Así, dende
este ano, o Goberno galego convocou dúas ordes de axudas por un
valor conxunto de 4,5 millóns de euros, unha para programas
promovidos por entidades locais e outra por entidades sociais. Estas
dúas liñas de axudas, que abranguen o período 2022-2025, teñen un
8% máis de fondos que na anterior convocatoria.
125
Novos profesionais dende 2020
Nesta
serie de medidas que está a levar a cabo o Executivo galego neste
eido, Comesaña destacou que a Consellería de Sanidade constituíu,
no pasado mes de abril, os grupos de traballo que procederán a
elaborar o Plan de trastornos adictivos de Galicia 2023-2026, que
están integrados por persoal da Xunta e dos concellos e entidades
sociais que traballan no campo das adiccións, da prevención, da
asistencia e a incorporación social. Este plan de trastornos
adictivos vai ser complementario ao de Saúde Mental de Galicia, que
permitiu á Xunta contratar xa a 125 novos profesionais dende 2020.
Con estes profesionais, -e tal e como destacou o conselleiro-, a
Xunta dotou á área sanitaria de Ferrol dunha unidade de prevención
ao suicidio ou dun reforzo da atención á saúde mental das persoas
que viven nas residencias sociosanitarias.
Este
ano, -proseguiu Comesaña-, os orzamentos da Xunta crean 61 prazas
máis para profesionais da saúde mental, incluídas as que
permitirán poñer en marcha nesta área sanitaria un hospital de día
de saúde mental infanto-xuvenil. Sendo conscientes da escaseza de
profesionais especialistas, e para garantir que se poidan cubrir esas
prazas, a Xunta, -subliñou o responsable do Sergas-, fixo este ano
algo innovador que é solicitar unha habilitación legal para poder
cubrir por concurso de méritos, sen oposición, os postos previstos
no Plan de Saúde Mental.
Para
rematar a súa intervención, o conselleiro incidiu que a Xunta está
a traballar nunha asistencia o máis completa posible á saúde
mental e aos trastornos aditivos, tanto na prevención como no
tratamento e o fai con máis profesionais e recursos no sistema
público e con máis colaboración e máis orzamento para financiar a
entidades sociais como ASFEDRO, “que coñecen de primeira man este
sector e son fundamentais para chegar a estes pacientes”.