OS SERVIZOS DE ANXIOLOXÍA E CIRURXÍA VASCULAR DO SERGAS REXISTRAN OS MELLORES TEMPOS DE ESPERA DO SISTEMA NACIONAL DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 11 2022

O Servizo Galego de Saúde destácase como o mellor sistema sanitario de España no que atinxe ás listas de espera na especialidade de Anxioloxía e Cirurxía Vascular.

Segundo os datos publicados no derradeiro informe do Ministerio de Sanidade sobre a situación das listas de espera no Sistema Nacional de Salud a 30 de xuño de 2022, a especialidade cirúrxica de Anxioloxía e Cirurxía Vascular rexistra unha espera media de 53 días, moi por debaixo das restantes comunidades autónomas, 16 días menos de espera que a comunidade de Navarra, que é a segunda, 23 días menos que a terceira, que é Baleares, e 277 días menos que a comunidade con máis demora.

Así mesmo, en Cirurxía Maxilofacial, Galicia ocupa o segundo mellor dato, con 65 días de espera media, tan so detrás do Pais Vasco, con 50 días, e 128 días menos que a comunidade con máis demora.

Ademais, de acordo coa información sobre listas de espera, o sistema sanitario público galego sitúase como o cuarto con mellores tempos de espera media para acceder a unha intervención cirúrxica, dentro do Sistema Nacional de Saúde.

A Consellería de Sanidade agradece o traballo realizado polos profesionais do Servizo Galego de Saúde e lembra que estes datos reflicten o esforzo realizado durante todo o ano polos equipos de profesionais de quirófano, cirurxiáns, persoal de enfermaría e celadores, entre outros. A Consellería de Sanidade segue a traballar na procura de acadar os datos de lista de espera históricos do ano 2019.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud