A DOUTORA CELIA MIRALLES RECIBE UN PREMIO NACIONAL POLA SÚA TRAXECTORIA EXEMPLAR
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 11 2022

Con motivo do Día mundial da SIDA que se conmemora mañá, a Área Sanitaria de Vigo informa do premio nacional que vén de ser concedido á Dra. Celia Miralles, da Unidade de VIH do Álvaro Cunqueiro, pola súa “traxectoria exemplar, e modelo para os especialistas que se incorporan ao ámbito da atención da VIH”. 

O galardón foi outorgado no último congreso de GeSIDA (Grupo de Estudio para el SIDA)  en recoñecemento a toda a súa traxectoria profesional, destacando especialmente o seu papel proactivo ao longo da súa carreira neste campo, sobre todo na abordaxe da VIH na muller. Cabe subliñar o seu papel como coordinadora médica de 16 países europeos no programa “She” con mulleres VIH positivas.

A Dra. Miralles manifestou o seu agradecemento por este premio “que é un recoñecemento a moitos anos de traballo para que se tiveran en conta os feitos diferenciais de infección por VIH na muller, xa que este virus presenta aspectos de xénero diferenciais que ata hai uns anos non estaban adecuadamente estudados.” 

A característica diferencial da infección nas mulleres con respecto aos varóns é a súa maior vulnerabilidade. Algúns sectores de mulleres están sometidas a situacións de discriminación, violacións, violencia de xénero e falta de recoñecemento de dereitos fundamentais, ademais de que habitualmente son as que deben cargar coa responsabilidade do coidado dos enfermos do seu entorno familiar. Todo isto  implica unha maior necesidade de programas de prevención, atención e apoio. 

Ningún bebé infectado de SIDA

En relación cos novos diagnósticos en mulleres, a maioría se focaliza en mulleres en idade fértil. O seguimento das embarazadas é, con frecuencia, complexo, non só no referido á elección do tratamento máis adecuado para a nai e o feto, senón  en aspectos psicolóxicos e sociais, precisando, en ocasiones,  a intervención conxunta de tocólogos, pediatras, asistentes sociais, psiquiatras, e ONG’s.

Nestes momentos, a Unidade de VIH da Área Sanitaria de Vigo ten en seguimento a 1.500 pacientes con VIH positivo. Neste senso, a Dra. Miralles afirma que “no Chuvi levamos 25 anos sen ningún nacemento de bebé infectado de SIDA polas súas nais portadoras do virus. Isto foi posible grazas ao desenvolvemento dun protocolo que tiña por obxecto o control de embarazadas seropositivas e no que participan varios servizos hospitalarios, entre os que destaca pola súa especial implicación o de Medicina Interna e o de Xinecoloxía e Obstetricia”.

Programa de diagnóstico precoz en  Urxencias 

Ademais, no día de mañá, o servizo de Urxencias do Álvaro Cunqueiro desenvolverá unha sesión clínica recordatorio do Programa “Deja tu huella en la lucha contra el VIH. Pide una serología” .

Trátase dun programa de SEMES (Sociedad Española de Medicina de Urgencias y  Emergencias) dirixido aos médicos de urxencias, en colaboración co servizo de Microbioloxía,  para ampliar a  detección do VIH silente, nos pacientes que se achegan ás Urxencias hospitalarias por determinadas patoloxías. 

Así, o protocolo establece unhas recomendacións para o diagnóstico precoz de pacientes con sospeita de infección por VIH e a súa derivación para estudo e seguimento. Neste senso, cando o médico de urxencias detecta algunha enfermidade que puidera estar relacionada coa infección por VIH, se indicará unha proba serolóxica.

Este programa xa está implantado en Vigo desde o pasado mes de xullo e desde entón  levan diagnosticados 2 casos de pacientes con VIH positivos que estaban sen diagnosticar. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud