O SERGAS OFRECERÁ CONTRATOS DE CONTINUIDADE DE TRES ANOS DE DURACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 12 2022
Reunida a representación da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, así como dos sindicatos CESM, CSIF, O’MEGA, SATSE e UXT, decidiuse a posta en marcha dunha serie de medidas continuando co proceso de estabilización dos profesionais da organización sanitaria. Por unha parte, todos os contratos de continuidade que se celebren a partir de agora terán unha duración de tres anos. Asemade, todas as persoas que estean contratadas actualmente en réxime de continuidade, terán a posibilidade de ampliar o seu contrato até os tres anos ou, se así o desexaren, ficar cun contrato anual.

Paralelamente, transformaranse todos aqueles nomeamentos de continuidade que deron inicio no ano 2019 e, polo tanto, que fan agora tres anos, en vacantes de interinidade. Consecuentemente, os profesionais que estean ocupando unha praza desas características na actualidade e que o fixeran durante os tres anos que durou dito nomeamento, terán a oportunidade de asinar un contrato de interinidade.

Desta forma, materialízase unha parte importante do Acordo sobre o Nomeamento de Persoal Eventual de Continuidade acadado en Mesa Sectorial da Sanidade.

Neste senso, procúrase fomentar a continuidade asistencial da relación dos traballadores e traballadoras coas persoas usuarias dos servizos sanitarios, con razón de fomentar a calidade asistencial na sanidade pública de Galicia, reducindo a temporalidade e facilitando o detallado coñecemento dos distritos por parte dos seus profesionais. Así pois, garántese non unicamente a cobertura necesaria e suficiente en cada un dos centros dos diferentes distritos, senón que se asegura o maior nivel de calidade posible na asistencia dispensada.

Ademais de acadar o obxectivo de consolidar as mellores condicións de estabilidade posibles para o persoal do Sergas, o que redundará nunha mellora da calidade asistencial cara á cidadanía, este actuación reflicte o compromiso da Administración sanitaria co benestar e a saúde laboral.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud