A POSTA EN MARCHA DE HOSPITAIS DE DÍA ONCOHEMATOLÓXICOS NOS COMARCAIS DA ÁREA DE LUGO EVITOU 42.000 DESPRAZAMENTOS A MÁIS DE 5.500 PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 12 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou hoxe, no Parlamento de Galicia, que un total de 5.500 pacientes dos hospitais comarcais da provincia de Lugo beneficiáronse da posta en marcha, no ano 2014, dos hospitais de día oncohematolóxicos, evitando así máis de 42.000 desprazamentos a Lugo (23.000 no distrito da Mariña e 18.000 no distrito de Monforte). 

En concreto, máis de 2.900 pacientes da Mariña e 2.700 de Monforte puideron recibir quimioterapia no seu hospital comarcal dende 2014.

Tal e como subliñou o conselleiro, no ano 2018, trala reforma da lei de saúde e a fusión das áreas sanitarias, o departamento sanitario galego ampliou servizos nestes centros da rede do Sergas, o hospital de día da Mariña trasladábase a un novo edificio froito dunha obra de ampliación e duplicaba o seu espazo. E, no pasado ano, o de Monforte foi obxecto dunha obra de reforma e trasladouse a outra andar para, tamén, duplicar o seu espazo e ofrecer máis confort aos pacientes.

Con este modelo de áreas integradas logrouse, -dixo o conselleiro-, que o Servizo de Oncoloxía de Lugo garanta a mesma calidade asistencial para un paciente da capital como para un de Sober ou de Alfoz. 

Polo tanto, concluíu o titular da carteira sanitaria, lonxe de perder servizos, os dous hospitais comarcais de Lugo gañaron un servizo máis próximo, con mellores medios e de máis calidade.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud