GALICIA CAPTOU ESTE ANO 10 RESIDENTES DE MEDICINA DE FAMILIA PROVENIENTES DOUTRAS COMUNIDADES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 12 2022
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou onte no Parlamento de Galicia que o Sergas conseguiu captar neste ano a 10 médicos de familia que remataran o seu período formativo de residencia noutra comunidade autónoma e que agora están contratados en Galicia.

Complementou este dato co detalle do destino dos 85 residentes desta especialidade que remataron este ano a súa residencia en Galicia, dos cales o 90% foron contratados polo Sergas mentres que só 2 optaron por traballar na sanidade privada mentres outros 7 marcharon a outras comunidades autónomas ou ao estranxeiro. En consecuencia, destacou o conselleiro, “o saldo é positivo, veñen máis residentes de fóra a traballar na sanidade galega que os que se van”.

Xa en setembro de 2021, o conselleiro expuxera en sede parlamentaria os datos que amosaban que o 90% dos MIR galegos que realizaron a súa especialidade en medicina familiar e comunitaria en Galicia dende o ano 2010 estaban a traballar no Sergas, co que os resultados deste último ano manteñen esa mesma porcentaxe. 

Condicións laborais

García Comesaña utilizou estes datos para rebater en sede parlamentaria as acusacións da oposición de que os profesionais sanitarios abandonan Galicia polas condicións laborais. Desmentiu tamén a afirmación de que os residentes galegos son os peor pagados de España, demostrando con datos de estudos comparativos que as retribucións anuais dos residentes galegos, contabilizando as gardas obrigatorias, se atopan na media estatal.

O responsable da sanidade pública galega puxo en valor as melloras nas condicións laborais do persoal de atención primaria que entraron en vigor este ano tras un acordo unánime da Xunta con todas as organizacións sindicais da mesa sectorial e que se concretan en medidas como duplicar os conceptos retributivos vinculados ás prazas de difícil cobertura ou ao illamento e ao incremento das retribucións pola realización de prolongacións de xornada voluntarias ou por asumir pacientes dun compañeiro ausente.

Finalmente, lembrou as melloras retributivas experimentadas polo persoal sanitario grazas ás melloras nos complementos de carreira profesional, cun investimento de 20 millóns de euros entre 2021 e 2022 para elevar o grao de máis de 13.500 profesionais e o recente acordo para estender este complemento ao persoal temporal, que suporá un investimento de 14 millóns de euros nos orzamentos para 2023 e beneficiará a 16.000 profesionais.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud