A XUNTA TRASLADA AO CONCELLO DE TEO O CONVENIO PARA A CONSTRUCIÓN DUN NOVO CENTRO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 12 2022

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, reuníronse hoxe co alcalde de Teo, Rafael Sisto, para explicarlle os detalles da proposta de convenio que fai a Xunta ao concello para levar adiante as obras do novo centro de saúde da localidade.

A dispersión da actividade asistencial neste concello en catro centros de dimensións reducidas dificulta a planificación de persoal tanto na dotación como nas substitucións, e fai necesario poder contar cun centro de saúde de maior tamaño con capacidade para poder incrementar a carteira de servizos incorporando saúde bucodental. 

Con ese motivo, a construción dun novo centro de saúde incluíuse no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta o ano pasado, e que contempla a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14 no conxunto da comunidade. 

O pasado 26 de febreiro, consellería, área sanitaria, goberno local e grupos políticos representados na corporación de Teo, mantiveron unha reunión na que chegaron ao acordo de mudar o proxecto inicialmente incluído no Plan, consistente nun novo centro que substituíse aos actuais de Cacheiras e Os Tilos, por un novo proxecto enfocado en substituír aos actuais centros de Cacheiras e Pontevea.

Se ben o novo centro de saúde de Teo formaba parte da Fase 2 deste Plan, a existencia  dunha parcela viable para a súa cesión inmediata ten levado ao Goberno galego a priorizar a proposta deste novo centro de saúde.

O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con 14 consultas de adultos, área bucodental, unha consulta de farmacia, un despacho de traballador social, dúas salas de técnicas e unha de urxencias, unha sala de toma de mostras e unha sala de espera de extraccións, área de pediatría con dúas consultas, unha consulta de matrona, unha de enfermería pediátrica, unha sala de observación, unha sala de docencia e unha zona de vestiario de pacientes.

Así, os pacientes deste novo centro terán á súa disposición prestacións non existentes nas actuais infraestruturas: a área de saúde bucodental con consultas de odontoloxía e hixiene dental ou as consultas de farmacia e enfermaría pediátrica, a sala de observación de pediatría ou a sala de educación sanitaria.

A suma destes espazos determinan a necesidade dunha infraestrutura cunha superficie de 1.880 m2 para a que o concello propón poñer a disposición unha parcela no lugar da Ramallosa, localización que se considera a mellor para poder atender á poboación teense tralas reunións nas que quedou patente a necesidade de manter en funcionamento o actual centro de saúde dos Tilos. 

Para poder iniciar a obra deste novo centro, a Xunta trasladou hoxe ao alcalde unha proposta de convenio para poder iniciar a súa tramitación o antes posible, unha vez o concello dea a súa conformidade ao texto.

Exencións fiscais

A proposta de convenio, como é habitual nos acordos que realiza o Sergas cos concellos nos que vai a realizar obras,  recolle, entre as obrigas do concello, a realización de todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión patrimonial ao Sergas da parcela na que se construirá o edificio. Ademais, a administración municipal comprométese tamén a obter os permisos e autorizacións necesarios para executar as obras de construción do centro de saúde. 

En correspondencia, o convenio establece que a Xunta deberá asumir a elaboración, supervisión e aprobación do proxecto técnico, así como a contratación e dirección das obras de construción do novo do centro de saúde con cargo aos seus orzamentos. 

Finalmente, o convenio require tamén do concello as exencións e bonificacións fiscais que a Xunta adoita solicitar naqueles concellos onde vai realizar un investimento deste tipo. Así, o concello de Teo deberá regular a exención do pagamento do imposto sobre bens inmobles (IBI) a favor dos centros sanitarios de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, e comprometerse a declarar esta construción de especial interese ou utilidade municipal para aplicarlle unha bonificación do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud