A Xunta de Galicia aprobou as bases de carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade e a dito organismo, logo do acordo unánime acadado polo Sergas e os sindicatos de mesa sectorial (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT) o 28 de outubro.
En virtude da Orde do 25 de novembro de 2022 pola que se publica o Acordo da Mesa Sectorial, do 28 de outubro de 2022, sobre as futuras convocatorias de acceso aos graos de carreira profesional, poderán concorrer á carreira profesional os profesionais de todas as categorías que están a traballar no Sergas -persoal médico, de enfermería, técnicos en coidados auxiliares de enfermería, persoal de administración, de oficios e celadores- tanto de atención primaria como de especializada e entidades adscritas como ADOS, ACIS, FP 061, Galaria e INGO.
No Diario Oficial de Galicia de onte, 5 de decembro, publicouse a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes para o acceso á carreira profesional do ano 2022. Nesta convocatoria iníciase un novo prazo para acceder ao grao inicial de carreira profesional, convócase o procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV correspondente ao ano 2022 e tramítase un procedemento extraordinario de acceso ao grao I dirixido ao persoal estatutario temporal. O prazo de presentación de solicitudes é ata o 31 de xaneiro do 2023. No primeiro día da súa publicación rexistráronse máis de 5.000 solicitudes.
O Consello da Xunta do pasado 24 de novembro aprobou as bases da carreira profesional para o persoal do Servizo Galego de Saúde e as entidades adscritas á Consellería de Sanidade, que destina nos orzamentos de 2023 máis de 14 millóns de euros para esta convocatoria.
Grao Inicial
A solicitude do grao inicial, no prazo desta convocatoria, pode ter efectos retroactivos ata o ano 2018 do persoal en activo nese ano e seguintes.
Esta medida beneficia a 8.000 persoas, que desde o ano 2024 poderían ter recoñecido o grao I de carreira profesional.
Encadramento excepcional inmediato no grao I
O encadramento excepcional inmediato no grao I, semellante ao establecido no ano 2018 para o persoal fixo, está dirixido ao persoal con cinco anos de servizos prestados no ano 2018.
Poderán participar nesta convocatoria o persoal estatutario temporal, o persoal fixo que no seu momento non accedera a un recoñecemento de grao en aplicación do réxime transitorio e excepcional de encadramento e o persoal de atención primaria integrado despois do 28 de setembro de 2018.
Esta medida beneficiará a máis de 8.000 profesionais, que a partir do mes de xaneiro de 2023 comezarán a cobrar un complemento retributivo que representará unha suba media do 6% nos salarios anuais.
Procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV
A través desta convocatoria ordinaria, poderán solicitar o seguinte grao de carreira profesional cerca de 140 traballadores do Sergas, dos que o 32% son licenciados sanitarios, 34% diplomados sanitarios e técnicos de FP, e 34% son persoal de xestión e servizos. Sinalar, así mesmo, que o 26% destes profesionais acceden ao grao I, sendo facultativos especialistas de atención primaria de recente incorporación, o 18% destes profesionais accederán ao grao II, o 32% ao grao III e o 24% ao grao IV. O pago do complemento de carreira que se recoñeza nesta convocatoria producirase con efectos do 1 de xaneiro de 2023.
No mes de marzo deste ano publicouse, no Diario Oficial de Galicia, a Orde pola que se aproba o baremo na parte correspondente á Área I, actividade asistencial/profesional, aplicable no procedemento ordinario de carreira profesional do persoal do Sergas e entidades adscritas a esta consellería e ao dito organismo. Este baremo será aplicable nesta convocatoria, na que se terán en conta o grao de cumprimento de obxectivos acadados así como a valoración das competencias persoais en base a cuestionarios con preguntas relacionadas con condutas observables e específicas, que serán cubertas de forma obxectiva. O Sergas ten previsto elaborar proximamente os mapas de competencias necesarios para avaliar a área II do baremo.
Cómpre remarcar que o sistema de carreira profesional motiva aos profesionais a participar, ao longo da súa vida laboral, nos obxectivos da organización e a incrementar a súa cualificación e competencia, o que redunda na calidade asistencial e na mellora permanente das prestacións sanitarias públicas.
Catro grandes áreas
O baremo ordinario, que supón un importante cambio respecto ao que se aplica no réxime extraordinario, divídese en catro grandes áreas, (área I: Actividade asistencial/profesional; área II, Competencias asistenciais/profesionais; área III, Formación, Docencia, Investigación e Innovación; e área IV, Implicación e compromiso coa organización).