GALICIA ADIANTARASE EN DOUS ANOS Á META EUROPEA PARA A EXTENSIÓN DOS PROGRAMAS DE CRIBADO DE CANCRO DE MAMA, COLON E CÉRVIX
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 12 2022

“Galicia adiantarase en dous anos á meta europea para a extensión dos Programas de cribado de cancro de mama, colon e cérvix”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, hoxe en Bruxelas, onde participou no Consello de Ministros da Unión Europea, representando ás comunidades autónomas españolas no apoio á revisión da Recomendación europea sobre programas de cribado. Neste acto, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; e pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo.​

Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, o Plan europeo de loita contra o cancro, aprobado o pasado ano, marca como obxectivo que os cribados de mama, colon e cérvix cheguen ao 90% da poboación obxectivo en 2025. “En Galicia iso xa ocorre con mama e colon, e sucederá co de cérvix no vindeiro ano”.

Este novo Plan europeo de loita contra o cancro contempla a ampliación do rango de idade da poboación á que se invita a participar nestes cribados, e abre a porta a desenvolver programas de detección precoz en cáncros como os de pulmón ou próstata, e, Galicia, -sinalou o conselleiro-, “está totalmente en liña con estas formulacións”. Ao respecto, “a nosa comunidade acaba de presentar unha Estratexia galega para a xestión do cancro, que se aliña con ese Plan Europeo e que recolle explicitamente a posibilidade de desenvolver programas de detección precoz deses cancros en grupos de risco”.

Cremos, -incidiu Comesaña-, “que a aprobación desta nova recomendación europea nos vai dar un pulo para o traballo que estamos a facer dende a Xunta en extender os programas de cribado e aumentar a participación”.

Incremento do 70% a partida destinada a cribados

Segundo sinalou hoxe en Bruxelas o conselleiro, “a Xunta aprobou uns presupostos para o vindeiro ano que incrementan un 70% a partida para cribados, fundamentalmente para afrontar a extensión a toda Galicia do cribado de cancro de cérvix, que agora mesmo funciona en tres das sete áreas sanitarias”. “No vindeiro ano chegará ao 100%, un obxectivo que o Ministerio de Sanidade nos marcaba para 2029”.

Co cribado de cancro colorrectal, o Ministerio fixou o 2019 como límite para iniciar a implantación, e o 2024 como tope para chegar ao 100% da cobertura, -e tal e como destacou Comesaña-, “Galicia adiantouse máis de cinco anos a esas metas, iniciando a implantación no 2013 e acadando a cobertura en 2019”. Así, dende a súa posta en marcha, realizáronse test a máis de medio millón de galegos e detectáronse máis de 1.500 cancros en estadíos iniciais.

No que atinxe ao cribado de cancro de mama, este ano Galicia celebrou o 30 aniversario da súa posta en marcha, “e acada uns niveis envidiables de participación, rondando o 80% cada ano”. Xa superou os tres millóns de exploracións e detectou de xeito precoz máis de 10.000 cancros. 

O titular da carteira sanitaria sinalou que, este ano, a Xunta investiu 800.000 euros en renovar catro dos mamógrafos deste programa, incorporando novos equipos con tecnoloxía 3D, e 300.000 euros para os autotest do cribado de cérvix, utilizando nestes dous apartados fondos europeos.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro remarcou que “apoiamos esta recomendación europea, xa que somos os gobernos autonómicos os que xestionamos o dia a día estes programas e contar cun aval europeo sempre vai reforzar a nosa capacidade de fomentar a participación da poboación neles”.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud