O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a puntuación provisional da fase de concurso obtida polas persoas aspirantes que superaron a fase de oposición na última oferta pública de emprego no colectivo de persoal de xestión e servizos nas categoría de traballador social, persoal de informática técnico especialista, de xestión e técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información, telefonista, persoal de oficios das categorías de condutor, calefactor, electricista, fontaneiro e mecánico, costureiro, lavandeiro, pasador de ferro e pinche, así como nas categorías sanitarias de logopeda e terapeuta ocupacional.
Neste proceso selectivo convocado polo Sergas, habilitouse unha quenda de acceso diferenciada para as persoas con discapacidade intelectual na categoría de técnico en farmacia 10 prazas, superando o proceso selectivo cinco aspirantes, e na categoría de pinche 39 prazas que se adxudicarán na súa totalidade, co que se conseguirá a incorporación de discapacitados intelectuais a novas categorías, ademais das categorías de celador, técnico en coidados auxiliares de enfermería, e persoal de servizos xerais, nas que xa se teñen incorporado aspirantes da quenda de discapacitados intelectuais.
Ofértanse nestes procesos selectivos nas categorías indicadas un total de 620 prazas.
As listas, coas puntuacións provisionais, desagregadas por categoría/especialidade, atópanse publicadas a disposición dos interesados, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es/empregopúblico).
Para poder consultar o detalle da puntuación obtida nos distintos apartados do baremo, cada aspirante poderá acceder ao seu expediente profesional electrónico en Fides/Expedient-e/Sección de Procesos.
Os aspirantes dispoñen dun prazo de dez días hábiles para presentar reclamación contra os resultados da baremación provisional, que remata o 25 de xaneiro. A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas da fase de concurso, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.