A primeira campaña de doazón de sangue do ano 2023 que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), realizou nas instalacións que a multinacional Stellantis ten na cidade de Vigo, saldouse cunha notable participación de 678 traballadores e traballadoras que doaron sangue, e que supón acadar as 72.470 doazóns acumuladas desde o ano 1995, no que comezaron as colectas de sangue neste centro.
A planta localizada en Vigo acolleu durante os días 24, 25 e 26 de xaneiro, e do 2 de febreiro, a primeira das catro visitas anuais que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue ten programadas para o 2023.
Ao respecto, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere poñer en valor a colaboración dun dos centros fundamentais do aparello produtivo de Galicia que, desde sempre, amosou a súa implicación coa sociedade galega e co altruísta xesto da doazón, tanto de sangue coma de órganos.
28 anos de xenerosidade
Desde o ano 1995, o Centro de Vigo do Grupo Stellantis comezou a albergar campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e que, no presente, afianzan a esta empresa como un referente no territorio nacional, sendo a compañía española con maior número de doazóns.
Cómpre subliñar que grazas a colaboración dos 678 profesionais da empresa viguesa que doaron sangue nesta primeira campaña anual promovida por ADOS, poderán realizarse, por exemplo, máis de 335 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 140 enfermos oncolóxicos.
Sensibilización e colaboración
ADOS quere salientar a participación e compromiso do Centro de Vigo do Grupo Stellantis co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, unha vez máis, a xenerosa colaboración ofrecida por esta empresa a prol do solidario xesto da doazón de sangue. Esta longa traxectoria de colaboración ten permitido que, nos últimos 28 anos, a factoría viguesa acumule unha cifra superior ás setenta e dúas mil doazóns, o que a sitúan como referente social de primeira liña no ámbito do altruísmo.
Ao mesmo tempo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer o seu compromiso e colaboración á Dirección do Grupo Stellantis de Vigo e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.