Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023.- O equipo de ultrasóns de alta
intensidade focalizada (HIFU) para o tratamento do tremor esencial e párkinson,
emprazado no Hospital Clínico de Santiago dende marzo do 2021 e para o que a Xunta investiu uns 2 millóns de
€, atendeu onte á paciente número 100.
Trátase de Elena Pérez Martínez, palentina residente en
Valladolid que recibiu os ultrasóns para tratar o tremor esencial da
extremidade superior dereita onte ás 14.30h. Xa notou a melloría ao momento de
ser sometida á intervención realizada por un equipo multidisciplinar formado
por neurólogos, neurocirurxiáns e neurorradiólogos e foi dada de alta o mesmo
día.
Elena,
médico de familia xubilada, notou o primeiro tremor hai 6 anos, cando tiña 64,
e no último ano a súa calidade de vida virase moi mermada. Hoxe comparecía ante
os medios para “agradecer poder empezar a ter unha vida normal, porque ata hoxe
non podía comer soa, nin beber, non podía agarrar absolutamente anda”.
Na
rolda de prensa realizada esta mañá no Clínico, tan só 21 horas despois de
realizarse a intervención, acompañaron á paciente a xerente do SERGAS, Estrella
López-Pardo, a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez,
e membros do equipo que levan a cabo a técnica HIFU (o neurólogo Ángel Sesar, o
neurocirurxián Eduardo Arán e o neurorradiólogo Miguel Blanco, entre outros).
A
xerente do SERGAS, Estrella López-Pardo destacou o éxito desta técnica “froito
da participación dun equipo excepcional tanto no eido profesional como no
humano”, a quen lle agradeceu ser quen de obter “tan bos resultados nunha
intervención tan pouco invasiva”. Pola súa banda Eloína Núñez subliñou a
importancia de contar con esta sofisticada aparataxe pero tamén cos mellores
profesionais, porque a “combinación entre o coñecemento e a tecnoloxía é a que
ofrece tan bos resultados como os que estamos vendo”.
Ata
o momento beneficiáronse 100 pacientes (o 93% con tremor esencial e 7%
párkinson) e dos que 23 son de fóra de Galicia (de Asturias, Euskadi, Burgos,
Valladolid, Zamora, León, Andalucía, Madrid e Mallorca).
O
doutor Sesar indicou que o “5x1.000 da poboación sofre tremor esencial, pero só
un 15% buscan tratamento e deles unha pequena porcentaxe non responde as terapias
convencionais” e con respecto á técnica HIFU incidiu en que “a rapidez coa que actúa
nos sorprende a todos: o paciente chega con tremor e saen sen el”.
O Sergas
foi o primeiro sistema público de saúde de España, e un dos primeiros de
Europa, en contar coa tecnoloxía máis avanzada no tratamento contra o Párkinson
e o tremor esencial ao adquirir este equipo de ultrasóns de frecuencia
focalizada, emprazado no Hospital Clínico de Santiago.
Tremor
esencial
O tremor esencial e o párkinson son dúas enfermidades
moi prevalentes na poboación, especialmente na de máis idade, afectando a un
total duns 4.000 galegos. Aproximadamente a metade dos doentes teñen efectos secundarios
e/ou non responden ao tratamento. O 45 % destes doentes tiñan como alternativa,
ata o de agora, a cirurxía de estimulación cerebral profunda (ECP), na que o
Hospital Clínico é centro de referencia estatal desde hai 20 anos, polo que
trata a doentes de outras comunidades autónomas.
Son dúas patoloxías moi discapacitantes. Ademais
dos tremores, especialmente nas extremidades superiores, tamén se ten
identificado unha disfunción cognitiva. Os doentes con TE tamén poden presentar
tremor na voz e tremor nas extremidades maniféstase especialmente coa acción,
por exemplo ao escribir, comer o verter líquidos, o que provoca que os doentes
con tremor máis intenso vexan moi limitada a súa actividade diaria habitual.
Saúdos,