O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o procedemento para a concesión de subvencións a entidades sociais sen ánimo de lucro destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais, por un importe de 1.234.422 euros. A Xunta anticipará ás entidades beneficiarias o 100% da subvención no momento de notificación da concesión.
A aprobación no ano 2020 do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid 2020-2024 supuxo o inicio da aprobación de convocatorias anuais de axudas para as entidades deste sector. Así, a convocatoria de 2020 contou cun crédito de máis de 517.000 euros, que aumentou ata superar os 860.000 € no ano 2021. Finalmente, no vixente ano 2022 esta orde repartiu axudas por importe de 1.041.274 euros, beneficiando a 59 programas.
A convocatoria de 2023 incrementa en 193.000€ as cifras da anterior convocatoria, o que representa incremento dun 20% respecto da de 2022. A evolución ascendente destas axudas ten suposto máis que duplicar a súa contía desde a posta en marcha do Plan de Saúde Mental de Galicia.
Mediante esta orde de subvencións aglutínanse a maior parte das axudas do Servizo Galego de Saúde ao trastorno mental, financiando programas estratéxicos para avanzar na mellora da saúde mental da poboación galega.
O incremento máis notable de financiamento corresponde á liña de programas de prevención do suicidio, que pasa de ser de 400.000 euros fronte aos 100.000 da convocatoria anterior. O departamento sanitario galego considera necesario incidir nos programas de prevención e detección de risco de suicidio así como de sensibilización cidadán e de capacitación de profesionais neste eito, prestando maior atención aos colectivos máis vulnerables, menores e anciáns.
Ademais deste incremento antes sinalado, incorpóranse dúas tipoloxías de programas aos subvencionados na convocatoria anterior, os destinados á sensibilización e educación de familias, centros educativos, institucións e empresas para a promoción do uso seguro e responsable das tecnoloxías para a relación, a información e a comunicación; e os orientados á promoción do benestar, a atención ás dificultades e a prevención de situacións de desatención e soidade non desexada, particularmente no colectivo de persoas maiores, achegando recursos e servizos para previr, detectar e intervir ante estas situacións.
Esta incorporación de novas tipoloxías é consecuencia de que, no vindeiro ano, segue a ser necesario un apoio especial a todos os tipos de trastornos mentais incluídos os aditivos, que dean resposta ás necesidades das persoas con trastorno mental e adiccións, patoloxías que incrementaron a súa predominancia tras a pandemia da covid-19.
Actuacións subvencionadas
As actuacións subvencionadas no marco da Orde de axudas hoxe aprobada teñen unha enorme repercusión, posto que permiten desenvolver proxectos de obras de reforma para servizos de atención a persoas con trastornos mentais e/ou adictivos; e de obras de conservación de centros e servizos de atención a doentes con estes trastornos.
Tamén posibilitan a adquisición de subministracións, equipamento e vehículos que faciliten a prestación de servizos a estes pacientes; de atención domiciliaria a persoas con trastorno mental severo e aos seus achegados; e de apoio emocional aos que teñan un trastorno mental severo, coidadores e achegados.
Igualmente, permiten realizar actividades de prevención e promoción da saúde mental e os estilos de vida saudables dirixidos a persoas con trastorno mental e os seus coidadores; de redución do estigma da enfermidade mental; de información, orientación e asesoramento sobre saúde mental en recursos especializados; de protección da saúde mental infantil; ou de capacitación do voluntariado dirixidos a quen padeza un trastorno mental severo.
Asemade, posibilitan proxectos de formación de profesionais de entidades de iniciativa social orientados a mellorar a capacitación na detección de persoas en risco de presentar un trastorno mental; de apoio psicosocial aos que padecen trastorno de personalidade e os seus achegados; e, ademais, de trastornos da conduta alimentaria.
Xunto ao anterior, as actividades subvencionadas posibilitan programas sociosanitarios de rehabilitación de persoas afectadas por ludopatía e adicción alcohólica; os dirixidos á procura de emprego das persoas cun trastorno mental ou aditivo; os de inserción social e laboral para aqueles con problemas xurídicos con trastornos mentais ou aditivos; de atención xurídico social aos que padecen trastorno mental severo; ou os de sensibilización cidadá no ámbito do suicidio.
As actuacións subvencionadas tamén abranguen a prevención selectiva sobre poboación en risco; así como a capacitación a profesionais sociosanitarios na identificación e protocolos de actuación no caso de risco de suicidio.
Plan de Saúde Mental de Galicia
Ademais do aumento do apoio ás entidades asociativas do sector, o Plan de Saúde Mental da Xunta, dotado con 83 millóns de euros, prevé ata o ano 2024, a creación dun total de 241 prazas no sistema público, estando xa contratados 125 profesionais.
Ademais, para dar á cobertura destas prazas a máxima prioridade para atraer a todos os profesionais dispoñibles, incluíronse no ámbito de actuación da recentemente aprobada Lei de medidas extraordinarias para a provisión de prazas de difícil cobertura, que permitirá que as prazas de psicoloxía, psiquiatría e enfermaría especialista que derivan deste Plan poidan cubrirse por concurso de méritos.
Por outra banda, a Xunta ten aumentado tamén as prazas formativas para este persoal, na última convocatoria de Formación Sanitaria Especializada, Galicia incrementou un 53% as prazas formativas para psicoloxía clínica e un 33% as de psiquiatría. Ademais, converteuse nunha das primeiras comunidades autónomas en formar a especialistas en psiquiatría da infancia e adolescencia, un fito longamente esperado no sector.
Galicia conta pois, na actualidade, grazas á aplicación deste plan, con máis servizos e máis profesionais que nunca para atender a persoas con algunha doenza mental.
Finalmente, o Plan permitiu tamén incrementar as prazas concertadas nos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos ou unidades residenciais. No ano 2023 a Xunta vai destinar 9,1 millóns de euros a estes concertos, case un 50% máis dos fondos que había en 2020, antes de iniciar o Plan de Saúde Mental.