O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, nunha xornada con motivo do Día Internacional da Epilepsia, que o Hospital Clínico Universitario de Santiago “é un dos oito centros de referencia do Sistema Nacional de Saúde para o diagnóstico e tratamento da epilepsia refractaria en adultos”. Tal e como se desprende dalgún dos datos dados a coñecer na xornada, o Hospital Clínico leva realizadas máis de 500 cirurxías dende o inicio do programa de cirurxía de epilepsia, no ano 1998, na unidade de epilepsia refractaria.
No acto, que contou coa presenza de Elvira Vacas, presidenta da Federación Española de Epilepsia, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou que “a actividade asistencial non se reduce unicamente ao ámbito hospitalario”, e, a tal efecto, incidiu na actividade do Programa Alerta Escolar, que pretende achegar unha atención sanitaria inmediata e eficaz a todas as nenas e nenos escolarizados, ata 16 anos, que padecen patoloxías crónicas, entre elas, crises alérxicas, comiciais e diabéticas.
Galicia segue a traballar, -proseguiu o máximo responsable da sanidade pública galega-, “para afrontar os novos retos que se presentan en relación á epilepsia, e o fai da man de excelentes profesionais”.
Dende o Servizo Galego de Saúde “avanzamos cara un maior grao de especialización, centrando a asistencia sanitaria nas necesidades do paciente e organizando o sistema en función da patoloxía”, -sinalou o conselleiro-.
Para rematar a súa intervención, Comesaña agradeceu á Federación Española de Epilepsia, á Federación Española de Enfermidades Raras, e ás asociacións representadas na xornada, o seu traballo e esforzo, á vez que remarcou que encontros como este son “imprescindibles para mellorar a transferencia de coñecemento e facer que os servizos públicos de saúde estean preparados”.