Santiago de
Compostela, 13 de febreiro de 2023.- O Servizo de
Atención Primaria de Muros e Carnota incorpórase á rede de centros que
desenvolven o Plan Local de Saúde. Esta mañá a xerente da área sanitaria de
Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, o director de atención primaria compostelá,
Felipe Calle e a alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, participaron na
presentación do plan que tivo lugar no antigo Centro de Saúde de Muros a cargo
de Domingo Fabeiro, xefe do servizo. O alcalde de Carnota, Juan Manuel
Saborido, non puido asistir por mor do incendio que se rexistrou no concello na
noite pasada. Ä presentación tamén acudiron representantes de asociacións
deportivas locais, persoas con
discapacidade e traballadores sociais dos concellos.
A xerente Eloína Núñez, “destacou a importancia do
desenvolvemento destes plans para ir máis alá na atención sanitaria e
involucrarnos de cheo na prevención da saúde”. Pola súa parte a alcaldesa de
Muros, Inés Monteagudo, pediu “a colaboración de todos os implicados para poder
levar a cabo este plan”.
Trátase do quinto centro de saúde da área en
implantalo. Arestora xa está en
marcha en Santa Comba, Teo, A Estrada e Silleda e continuarase con Ordes e Valga.
Os plans locais de saúde son proxectos estratéxicos e de xestión
que recollen a radiografías da saúde da poboación de referencia e a
planificación de toda acción e medidas concretas que poidan mellorar a calidade
de vida do cidadán. Están elaborados
polos propios profesionais de cada centro, que son os que máis e mellor coñecen
as demandas de atención de pacientes e dos seus servizos de atención primaria. Un traballo de gran valor, xa que ser este
nivel asistencial o máis achegado ao cidadán, permite coñecer mellor as súas
demandas e adaptar o servizo ás súas necesidades sanitarias.
Todos
os plans comparten en común uns principios básicos que afondan nunha atención
integral e integradora, centrada na persoa; que potencia a visión familiar e
comunitaria, que garante a accesibilidade, continuidade e coordinación nos
coidados, que estea baseada na promoción, prevención e proactividade, que
permita novas asignacións entre os profesionais e que asegure un liderado
compartido.
Para lograr as accións relacionadas
cos obxectivos do Plan Local de Saúde facilitarase a formación, docencia e
investigación dos profesionais do Servizo de Atención Primaria.
Dende a xerencia da Área Sanitaria
adecuaranse os recursos humanos e materiais destes centros para mellorar o
nivel de saúde da cidadanía e a ampliación da carteira de servizos,
creando unha unidade específica para a promoción da saúde compartira entre os
Servizo de Atención Primaria da Área (nutricionista, psicólogo e técnico de
ciencias da saúde e o deporte) supeditada á transferencia do proxecto de
comisión europea de boas prácticas clínica: Health Promotion Centres.
O fin é mellorar a saúde da poboación
e a eficiencia dos servizos concedéndolle máis capacidade de autoxestión aos
centros.
Saúdos