​INVESTIGADORES DO IDIS E DO HOSPITAL CLÍNICO PARTICIPAN NUN ESTUDO INTERNACIONAL QUE DEMOSTRA A EFICACIA DUNHA VACINA DO VIRUS RESPIRATORIO SINCITIAL PARA MAIORES DE 60 ANOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 02 2023

Santiago de Compostela, 16 de febreiro 2023.- Investigadores do IDIS e do Hospital Clínico Universitario de Santiago contribúen a demostrar por primeira vez, que unha vacina pode protexer aos adultos maiores de 60 anos da infección por virus respiratorio sincitial (VRS). Hoxe publícase no New England Journal of Medicine o traballo https://www.nejm.org/doi/full/10.1056/NEJMoa2209604 asinado entre outros polo pediatra Federico Martinón representando ao equipo multidisciplinar do Hospital Clínico Universitario de Santiago e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, que xunto ao equipo do doutor Francisco Javier González Barcala de pneumoloxía, e diversos grupos internacionais, mostra por primeira vez na historia, a posibilidade de previr a infección por VRS no adulto mediante vacinación.

Trátase dunha vacina adxuvada que inclúe a proteina F do virus respiratorio sincitial na súa configuración pre-fusion desenvolvida por GSK, e que no estudo foi administrada a case 25.000 suxeitos maiores de 60 anos. O estudo mostra unha eficacia do 82% para evitar a infección de tracto inferior por VRS confirmada por PCR e de máis dun 94% para as formas máis graves, nun seguimento medio de 6 meses post-vacinación.

Os datos de eficacia foron consistentes nas comparacións entre tipos de VRS, idades ou presenza de co-morbilidades. O estudo aínda está en marcha para valorar a duración da protección, entre outras cousas. “Esta vacina é a primeira que supera a fase 3 de investigación, e marca un antes e despois na oportunidade preventiva dunha infección que, aínda que habitualmente é infraestimada, pode ter unha carga no adulto equiparable á da gripe”, subliña o doutor Martinón.

 

Saúdos

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud