A XUNTA DESTINA 6,3 MILLÓNS DE EUROS Á PRIMEIRA COMPRACENTRALIZADA DE BALÓNS DE DILATACIÓN CORONARIA PARAAS ÁREAS SANITARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 02 2023
 O Consello da Xunta autorizou hoxe a aprobación da primeira compra centralizada de balóns convencionais de dilatación coronaria para as áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde por un importe total de 6.304.717 euros e para os próximos 3 anos.

A subministración deste material, necesario para a realización de técnicas de cardioloxía intervencionista que se practican nas áreas sanitarias, persegue homoxeneizar a compra dos produtos en todo o sistema sanitario galego, así como reducir o seu custo, establecendo un prezo único e evitando variacións significativas no prezo de compra.

Neste sentido, a compra centralizada permitirá a redución media dun 13,9 % dos prezos máximos de licitación, o que supón un aforro mínimo de 454.051 euros ao ano.

As áreas sanitarias da Coruña e Cee, Santiago de Compostela e Barbanza, a de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos, así como a Área Sanitaria de Vigo, beneficiaranse da contratación deste material.

Os balóns convencionais de dilatación coronaria son dispositivos endovasculares percutáneos, que se utilizan no interior das arterias coronarias mediante técnicas de cardioloxía intervencionista; consiste na dilatación con balón da placa ateromatosa responsable da isquemia. Con iso, fractúrase a placa e auméntase substancialmente a luz da arteria, co que desaparece a isquemia.

O mecanismo pois é a rotura, fragmentación e esmagamento do ateroma, creando unha ferida e remodelado forzado da parede arterial que conleva un proceso cicatricial tras o cal, se é favorable, consolida a revascularización alcanzada sen apenas deixar pegada. Co paso do tempo, a anxioplastia con balón persiste como un método complementario, facilitador con predilatación e consolidador con posdilatación. O número de intervencións de cardioloxía intervencionista practicadas nos hospitais do Servizo Galego de Saúde no período entre 2019 e 2022 ascende a 47.139. Por anos, en 2019 practicáronse 12.713 intervencións, en 2020 foron 11.088, un total de 12.042 no ano 2021, e 12.042 en 2022. 


Política de centralización de contratos que permite importantes aforros 

Este contrato enmárcase na política de centralización dos contratos de material sanitario que a Xunta ten posto en marcha nos últimos anos con importantes aforros. Neste caso, trátase dun novo expediente que homoxeneiza a adquisición destes produtos en todo o sistema sanitario público galego, continuando a senda marcada pola licitación en 2017 do primeiro contrato centralizado deste material para as sete áreas sanitarias. 

Entre os expedientes centralizados e aprobados por vez primeira están a compra centralizada da subministración de sistemas de implantes de columna para as sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde. A primeira compra centralizada de reactivos de laboratorio para a realización de cultivos de bacterias e fungos en mostras de sangue, que ascendeu a 2.760.080 euros, ou a licitación para a subministración sucesiva de suturas manuais e cola de tecidos non absorbible, no período comprendido entre 2022 e 2025, por un importe total de 7.289.227 euros. 

Outros expedientes licitados por primeira vez nestes últimos anos polo Servizo Galego de Saúde mediante compra centralizada son a subministración sucesiva de tubos endotraqueais e cánulas de traqueotomía, adxudicado por un importe de 1.839.709,81 euros, con IVE, cun aforro do 18,66 % sobre a licitación; a subministración sucesiva de sistemas monitorización de glicosa, adxudicado por un importe de 834.291,08 euros, con IVE, cun aforro do 4,20 % sobre a licitación, e a subministración sucesiva de equipos de cobertura cirúrxica cun importe de adxudicación de 2.961.134,41 euros, con IVE, cun aforro sobre a licitación do 8,59 %. 

 
 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud