​A XUNTA REALIZA OBRAS DE REFORMA NO PUNTO DE ATENCIÓN CONTINUADA DO CENTRO DE SAÚDE ARZÚA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 02 2023
 

Arzúa (A Coruña), 22 de febreiro de 2023.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, supervisaron as obras de reforma que se están levando a cabo no centro de saúde de Arzúa. Na visita estiveron acompañados por directora de  Recursos Económicos da área, María José López Rebollo, o director de Atención Primaria, Felipe Calle e a subdirectora de enfermería de Atención Primaria, Montserrat Souto, xunto á xefa do servizo de Arzúa, Sonia Arias.

A reforma supón a creación dunha área totalmente nova de atención urxente (PAC), que duplica e mellora considerablemente a existente. Así, as obras de reforma conlevan o traslado do PAC do andar -1 ao andar 0, ocupando unha antiga zona de almacenamento.

O novo PAC contará, cando rematen as obras, cun espazo de 150 m2 nos que haberá 1 consulta de médico, 1 de enfermeira, zona de admisión, sala de espera e, grazas ás obras de reforma, gañará unha completa sala de observación con 2 postos. O orzamento previsto é de mais de 48.000 euros.

Ademais da adecuación xeral interior dos novos espazos, levarase a cabo a mellora do illamento da fachada da nova zona. A reforma conleva tamén a instalación da calefacción, circuítos de ventilación, instalación eléctrica e de comunicacións, ademais da iluminación, entre outras melloras.

O centro de saúde de Arzúa conta ademais con importantes melloras recentes no eido dos recursos humanos. Así, incrementou unha nova praza de médico recentemente e, en breve, crecerá nunha praza de enfermeira para pediatría. Tamén conta co reforzo dun PSX para a posta en marcha de novas ferramentas organizativas na atención primaria como o XIDE e o CRM100. Os pacientes do centro de saúde de Arzúa tamén contan agora cun ecógrafo nas súas instalacións, o que redunda na mellora diagnóstica de determinadas doenzas abdominais e muscoloesqueléticas, o que incrementa a súa capacidade de resolución.

 

 

 

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 110 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 que están en marcha (Lugo, CIS de Lalín, Arnoia e Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Oleiros, Espasante-Ortigueira, Vilarmaior, Agualada-Coristanco, A Coruña (Novo Mesoiro), Sigüeiro-Oroso, As Somozas, Cambre-O Temple, Buño-Malpica, Santiago (Galeras), Arteixo (Villarodis), Culleredo, A Capela, Ares, A Laracha, Milladoiro, Melide e Narón e reformáronse os de Cambre, Padrón, Ferrol-Serantes, Ortigueira, As Pontes, Ribeira (pequenas obras de reforma), Mugardos e Bertamiráns.

Para continuar con este esforzo, no 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de A Coruña, prevé construír 10 novos centros de saúde, nos concellos de Abegondo, A Coruña (Santa Lucia), Teo, Noia, Ribeira, Porto do Son, Fisterra, Ferrol e Fene e reformar e ampliar os centros de saúde de Santiago (Conxo), o de Culleredo e o de Carballo para transformalo en Centro Integral de Saúde.  

 

 

Saúdos do Gabinete de Comunicación

 ​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud