O DIRECTOR XERAL DE ASISTENCIA SANITARIA DO SERGAS PÓN EN VALOR O DESENVOLVEMENTO DA MEDICINA DE PRECISIÓN DENTRO DA ESTRATEXIA GALEGA DE XESTIÓN DO CANCRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 02 2023
 

O Director Xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, participou esta mañá en Madrid no ciclo de diálogos “El reto autonómico de la medicina personalizada”, que organiza a Axencia EFE sobre Saúde; e no que participaron directivos sanitarios de Andalucía, País Vasco e Castela-A Mancha.

Durante a súa intervención, o director xeral do Sergas puxo en valor a Estratexia de xestión do cancro da Xunta, destacando o compromiso do Executivo galego coa prevención, a diagnose temperá, ou o emprego da innovación e a alta tecnoloxía no tratamento e seguimento da enfermidade.

Segundo abundou Aboal, dentro das 65 accións que contén a Estratexia galega do cancro, destaca o desenvolvemento da medicina de precisión, un ámbito da medicina personalizada na que, unha vez coñecidas e estudadas as mutacións e caraterísticas xenéticas do paciente, adminístraselle un fármaco que é efectivo, dun xeito específico, para as condicións especiais de cada paciente. 

Esta especialidade conleva unha ordenación de recursos e de laboratorios de altas prestacións que son regulados mediante o Plan e, ademais, precisa da creación dun comité molecular de tumores e dun traballo colaborativo en rede a nivel autonómico.

Centro de produción de terapias avanzadas (CAR-T) e Centro de Protonterapia

Galicia situarase á vangarda da investigación e a innovación sanitaria coa posta en marcha do Centro de produción de terapias avanzadas de Galicia (CAR-T), e do Centro de Protonterapia de Galicia.

As terapias CAR-T parten das ‘células T’ que se obteñen do sangue do paciente para, de seguido, modifícarse xeneticamente no laboratorio, engadíndolles un receptor quimérico de antíxenos ou CAR. Posteriormente, estas células CAR-T adminístranselle ao doente. Isto fai que o sistema inmune do enfermo oncolóxico poida recuperar a súa capacidade, primeiro ao recoñecer a célula canceríxena, para, despois, destruíla dun modo selectivo.

Xunto co Centro CAR-T, Jorge Aboal tamén destacou os avances no proxecto do futuro Centro de Protonterapia, que permitirá incrementar dun modo excepcional a calidade da asistencia sanitaria en Galicia cun novo tratamento.

A Protonterapia é unha modalidade especial de radioterapia que permite tratar tumores de difícil acceso, reducindo o tempo do tratamento e minorando tamén os efectos adversos. Así, demostrou unha alta eficacia e maior seguridade que a radioterapia convencional con fotóns ou electróns. Trátase dunha técnica que permite un tratamento moi eficaz de tumores situados en lugares sensibles, contando cunha altísima precisión que acurta de xeito moi significativo o tempo de terapia, e evita, en boa medida, os efectos secundarios doutras técnicas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud