O HOSPITAL CLÍNICO DE SANTIAGO ACOLLE A CUARTA REUNIÓN ANUAL DA REDE ESPAÑOLA DE ENSAIOS CLÍNICOS PEDIÁTRICOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 03 2023

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023.- A Rede Española de Ensaios Clínicos Pediátricos (RECLIP), coordinada desde o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), polo doutor Federico Martinón, xefe do Servicio de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e constituída actualmente por 29 nodos clínicos e 6 redes de investigación e sociedades científicas, celebra a súa cuarta reunión anual en Santiago de Compostela, co obxectivo de abordar a situación da investigación clínica pediátrica no contexto nacional e internacional, xunto cos principais avances e desafíos.

Representantes dos principais hospitais pediátricos de España, acoden a esta reunión con dous obxectivos principais, segundo subliña o doutor Martinón “facer balance da andaina de RECLIP desde o seu lanzamento en 2016 ata a actualidade e abordar aspectos cruciais para a súa sustentabilidade, co fin de fortalecer a investigación clínica pediátrica e reafirmarse como rede referente e preferente en España”. Nestes momentos, o Hospital Clínico de Santiago ten 60 ensaios clínicos pediátricos activos, maioritariamente na área de vacinas e enfermidades infecciosas, e tamén en oncoloxía pediátrica e enfermidades conxénitas.

Sobre RECLIP e conect4children

A rede española RECLIP, xoga un papel de gran relevancia no ámbito internacional, xa que participa xunto con outras 20 redes nacionais (National Hubs) no proxecto conect4children (c4c), unha rede pan-Europea creada para facilitar a planificación e realización de ensaios clínicos en nen@s e novos, e que está a dar xa os seus últimos pasos como proxecto financiado por IHI (Innovative Health Initiative), antes de converterse nunha entidade legal constituída de maneira independente.

RECLIP promoveu ao longo do último ano a activación de 10 ensaios clínicos de alta complexidade en diferentes áreas da pediatría (enfermidades renais crónicas, esclerose multiple, enfermidade de Kawasaki, infeccións fúngicas en doentes inmunodeprimidos…).

Cun orzamento total de aproximadamente 140 millóns de euros, c4c (conect4children) é unha das maiores iniciativas financiadas pola Innovative Medicines Initiative (IMI JU2 - Joint Undertaking 2), agora Innovative Health Initiative (IHI), baixo o Grant Agreement 777389.

 

IMI2 é a maior colaboración público-privada de Europa e está financiada conxuntamente polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea e a industria farmacéutica europea, representada pola European Federation of Pharmaceutical Industry Association (EFPIA).

A xornada foi inaugurada pola xerente do SERGAS, Estrella López-Pardo, a xerente da área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), María Luz Couce Pico, e polo coordinador xeral de RECLIP, Federico Martinón.

Entre os relatores destaca a presenza do investigador clínico Lucas Moreno Martín-Retortillo, do Hospital Vall D`Hebron, a responsable de Avaliación Clínica e Farmacoloxía da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, María Jesús Fernández Cortizo, a Directora Asociada de Investigación Clínica e Traslacional en FarmaIndustria, Amelia Martín Uranga, o Coordinador da Plataforma SCReN Plataforma de Unidades de Investigación Clínica e Ensaios Clínicos, Antonio Carcas Sansuán, Mark Turner, da Universidade de Liverpool e Ricardo Fernandes (Hospital de Santa Maria de Lisboa), ambos do consorcio do proxecto conect4children, pedra angular para o desenvolvemento da rede española RECLIP, Carmen Rodríguez-Tenreiro, Responsable de investigación en RECLIP, ou Begonya Nafria, Joana Claverol e Ana Mínguez, que presentaron un modelo de participación de pacientes pediátricos, a iniciativa KIDS RECLIP.

Cristina Calvo, membro do Comité Executivo de RECLIP e, investigadora do Hospital A Paz de Madrid, falará da carreira investigadora clínica e das oportunidades de desenvolvemento existentes a través de RECLIP

Máis información sobre o IDIS

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela. O seu obxectivo é identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade. Cun equipo de máis de 1.000 investigadores, 94 grupos de investigación, 29 M€ de fondos e 65 proxectos de investigación captados, o IDIS contribúe co seu labor para incrementar o coñecemento da saúde e á consolidación da innovación no sector sanitario.

·         Máis información sobre IMI: https://www.imi.europa.eu/

·         Máis información sobre conect4children:  www.conect4children.org

·         Máis información sobre RECLIP: www.reclip.org

·         Segue a IMI_JU en Twitter: @IMI_JU

·         Segue a RECLIP en Twitter: @ReclipSpain

·         Segue a c4c en Twitter: @c4c_network

 

Saúdos,​ 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud