Os 94 dietistas-nutricionistas que se incorporaron este ano a traballar nos centros de saúde galegos como persoal estatutario temporal incrementarán a carteira de servizos que ofrecen á poboación galega. Así, se desde a súa incorporación no mes de xaneiro os nutricionistas funcionaban como unha unidade de apoio nutricional para os equipos de atención primaria, contribuíndo a mellorar a atención ás persoas que padecen diabete, hipertensión, insuficiencia renal crónica e dislipemia, a partir de agora ampliarán as súas funcións e atenderán a pacientes con alerxias e intolerancias alimentarias, con calquera patoloxía dixestiva e a persoas con obesidade e problemas de alimentación no embarazo.
Ademais, se ata o de agora eran os médicos de familia, pediatras e enfermeiros os encargados de derivar á poboación adulta e pediátrica de Galicia a estes profesionais, a partir de agora tamén as matronas e os odontólogos poderán derivar aos pacientes aos nutricionistas.
Así o informou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, durante unha xornada de formación na que participaron os preto dun cento de profesionais, e na que aproveitou tamén para facer unha avaliación do primeiro mes de actividade destes especialistas en dietética e nutrición.
Neste sentido, destacou que no segundo mes de actividade, que foi o mes febreiro de 2023, os dietistas-nutricionistas duplicaron a súa actividade en relación co mes de xaneiro, cando se incorporaron aos servizos de atención primaria das distintas áreas sanitarias, de xeito que toda a poboación galega ten acceso a estes profesionais.
Os preto dun cento de nutricionistas participaron na sede da Consellería de Sanidade nunha xornada, na que tamén se lles ofreceu formación específica sobre o Plan de Obesidade Zero de Galicia, coincidindo así mesmo co do Día Mundial da Obesidade.
Os profesionais recibiron unha formación específica sobre o Plan de Obesidade Zero de Galicia 2022-2030, que leva a cabo a dirección xeral de Saúde Pública para o fomento dun estilo de vida saudable. Este plan contempla, no ámbito da atención primaria, impulsar unha estratexia de saúde comunitaria que integre, entre outros, aqueles factores que, como a dieta, están relacionados co estilo de vida.
Entre as liñas de actuación da Administración sanitaria considerase estratéxico conectar os equipos de atención primaria con algunhas funcións, entre elas as propias dos nutricionistas, que cada vez serán máis necesarias para a prestación dos coidados que necesitan determinados pacientes. Sen embargo, dado o amplo currículo formativo desta profesión sanitaria, non se restrinxen as súas actividades ao ámbito da atención primaria, polo que se a prestación da asistencia así o demanda, a actividade deste colectivo profesional podería estenderse, igualmente, ao ámbito da atención hospitalaria.