​XUNTA E COLEXIOS FARMACÉUTICOS COLABORAN PARA PROPORCIONAR SISTEMAS PERSONALIZADOS DE DOSIFICACIÓN ÁS PERSOAS MAIORES POLIMEDICADAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 03 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia e os colexios de farmacéuticos colaboran para proporcionar sistemas personalizados de dosificación ás persoas maiores polimedicadas. Do mesmo xeito, subliñou que a falta de adherencia terapéutica é un dos retos que ten que abordar o sistema sanitario público galego, xa que entre un 20% e un 50% dos pacientes non toma correctamente a súa medicación.

Durante a súa intervención na xornada científica-profesional organizada pola delegación galega da Sociedad Española de Farmacia Clínica, Familiar y Comunitaria (SEFAC Galicia) baixo o título “Farmacia comunitaria en transformación: avanzando en el valor clínico”, Comesaña puxo en valor a estreita colaboración entre representantes do Servizo Galego de Saúde e dos colexios farmacéuticos, no desenvolvemento deste Sistema Personalizado de Dosificación, que se orienta aos pacientes con maior risco de problemas de adherencia. 

Comesaña puxo en valor a aportación diaria dos farmacéuticos ao Sergas e a potencialidade da integración do farmacéutico comunitario para mellorar a calidade da atención da asistencia sanitaria e da saúde pública. Ao respecto, subliñou a sinatura dunha addenda ao concerto para a preparación e entrega de SPD, de cara á integración nun programa colaborativo cos profesionais do Sergas de mellora da adherencia terapéutica.

Un sistema que, segundo Julio García Comesaña, ”se orienta aos maiores de 74 anos e máis de 13 medicamentos tomados de forma crónica, e prioriza factores de risco sociais como vivir só ou non ter unha rede de apoio sociofamiliar axeitada”. No programa, que xurde no contexto de desafío que representan as enfermidades crónicas, xoga un papel fundamental o farmacéutico comunitario, coa captación e o seguimento dos pacientes, así como na preparación e entrega dos sistemas personalizados de dosificación. 

O titular da sanidade pública galega explicou que a Xunta traballa activamente “para establecer vías de comunicación directas, áxiles e bidireccionais entre os farmacéuticos comunitarios cos profesionais do Servizo Galego de Saúde” e destacou o labor “fundamental dos farmacéuticos no asesoramento ao cidadán”. 

Novo Decreto de horarios, quendas de garda e vacacións

García Comesaña sinalou ademais que a Xunta conta coa oficina de farmacia como parte do sistema sanitario a través de Lei de Ordenación Farmacéutica de Galicia, e destacou ao respecto o novo Decreto de horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia, “que permite seguir garantindo á poboación unha excelente cobertura da rede de atención farmacéutica en todo o territorio galego adaptando as quendas de oficina de farmacia ás necesidades asistenciais da poboación”.

O conselleiro de Sanidade lembrou tamén outras medidas da Xunta que potencian a integración do farmacéutico comunitario, como o convenio que permite o acceso controlado a máscaras, e outro para realizar probas e cribados poboacionais, o cal “resultou de gran axuda á hora de coñecer o grao de prevalencia e propagación da infección por covid e adoitar medidas de prevención”, lembrou.

Julio García Comesaña finalizou a súa intervención destacando a importancia de sociedades científicas como SEFAC, que lideran a evolución do farmacéutico comunitario, e agradecendo o traballo de todos os profesionais.

 
 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud