A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, reuniuse hoxe, no Hospital Provincial de Pontevedra, con profesionais sanitarios e non sanitarios da Àrea Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, nunha xornada formativa sobre o Sistema de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE).
Na xuntanza, a directora xeral do departamento sanitario galego estivo acompañada da directora de Atención Primaria da Àrea Sanitaria, Marta Ocampo Fontangordo.
O XIDE foi deseñado pola Xunta como unha medida organizativa de ordenación da demanda que responde á necesidade de desenvolver sistemas innovadores de xestión da mesma, marcada como reto fundamental nos documentos reitores da atención primaria vixentes tanto a nivel galego como estatal.
Este sistema permite asignar ao paciente unha cita co profesional máis axeitado para o problema de saúde que ten, grazas a unha categorización de máis de 700 motivos de consulta desenvolvida por un grupo de más de 50 profesionais sanitarios, entre os que se atopan numerosos médicos de familia. O sistema permite non introducir motivo de consulta, se o paciente non o desexa.
A posta en marcha do XIDE nos centros permitiu que só un 50% das citas pasen obrigatoriamente polo persoal médico, sendo o resto dirixido a outras categorías como enfermería, farmacia, traballo social ou fisioterapia. Naqueles centros nos que está xa implantado, amosa unha redución media do 40% no número de citas engadidas ás axendas dos médicos de familia.