ADOS E A IRMANDADE DE DOADORES DE SANGUE DA CORUÑA PROMOVEN UNHA NOVA EDICIÓN DO CONCURSO DE DEBUXO SOBRE A DOAZÓN NO XXVII DÍA DA CIENCIA NA RÚA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 05 2023

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), e a Irmandade de Doadores da Coruña, organizan unha nova edición do concurso de debuxo sobre a doazón de sangue, que terá lugar o sábado 6 de maio no coruñés Parque de Santa Margarita, dentro das actividades previstas no XXVII Día da Ciencia na Rúa.

A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias promove unha nova edición desta iniciativa que aúna ocio con divulgación científica para os máis cativos, e que contará coa participación da Irmandade de Doadores de Sangue da Coruña e de ADOS, que disporán dunha carpa informativa no Parque de Santa Margarita, Ademais, todas as persoas que desexen doar poderán facelo na unidade móbil de ADOS, situada ao carón do planetario, que atenderá aos cidadáns das 10 ás 14:30 e das 15:30 ás 20 horas.

O principal propósito desta iniciativa pasa por tentar sensibilizar á poboación da doazón, especialmente aos máis pequenos, e achegar este acto solidario a todas as persoas que desexen colaborar doando sangue.

Concurso de debuxo

Tal e como sucedeu en edicións anteriores, todos os nenos e nenas de 7 a 12 anos poderán participar nun concurso de debuxo sobre a doazón que se desenvolverá nesta xornada, así como tomar parte en distintas actividades lúdicas relacionadas con este xesto solidario. 

Todos os rapaces e rapazas que desexen concursar deberán facelo nunha folla formalizada para este fin, e na que deberán cumprimentar os datos de identificación persoal. Os debuxos deberán ser entregados entre as 11 e ás 19 horas do sábado na carpa de Doadores de Sangue, ou remitilos por correo postal á Irmandade de Doadores de Sangue da Coruña (CHUAC-Hotel de Pacientes 4ª planta As Xubias nº 84. 15006.- A Coruña). 

O certame de debuxo consta de dúas categorías, de 7 a 9 anos e de 10 a 12. O xurado estará composto por un membro da organización do “XXVII Día da Ciencia na Rúa”, da Irmandade de Doadores de Sangue e da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue. 

ADOS convida a todos os nenos e nenas a que participen neste certame e a que se acheguen ata a carpa informativa que estará este sábado no parque de Santa Margarita para realizar distintas actividades relacionadas coa doazón de sangue.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud