ADOS ACADA 689 DOAZÓNS DE SANGUE NA SEGUNDA VISITA ANUAL DAS SÚAS UNIDADES MÓBILES ATA STELLANTIS VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 05 2023

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), acadou, na segunda campaña de doazón de sangue que este ano desenvolve nas instalacións de Stellantis Vigo, unha participación de 689 doantes, cifra que supera lixeiramente a visita das unidades móbiles da Axencia levada a cabo o pasado xaneiro. No transcurso das xornadas do martes 25, mércores 26, xoves 27 de abril e o xoves 4 de maio, achegáronse a doar un total de 733 profesionais da factoría viguesa, dos cales un 94% puideron facer efectiva a súa doazón de sangue. Salientar, ademais, que das 689 doazóns recollidas, 37 correspóndense con persoas que participaban por vez primeira nunha campaña de doazón de sangue.

No transcurso do presente ano, ADOS ten previsto realizar catro campañas de doazón en Stellantis Vigo, e pon en valor a contribución desta empresa viguesa, que acumula 73.159 doazóns desde o 5 de xullo de 1995, data da primeira visita da Axencia ata esta significativa factoría galega. ADOS desexa amosar o seu sincero agradecemento a Stellantis Vigo, un dos principais centros de referencia do tecido industrial galego que, desde sempre, ten amosado o seu compromiso coa sociedade galega e co solidario xesto da doazón, tanto de sangue como de órganos.

Traxectoria solidaria

Hai 28 anos, Stellantis Vigo comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e que, actualmente, consolidan a esta empresa como un referente a nivel estatal, sendo a empresa española con maior número de doazóns.

Salientar que grazas a colaboración dos profesionais da empresa viguesa que doaron sangue no transcurso desta segunda campaña, puideron subministrarse compoñentes sanguíneos para realizar, por exemplo, máis de 344 intervencións cirúrxicas, ou transfundir plaquetas a preto de 140 enfermos oncolóxicos.

Sensibilización e colaboración

ADOS salienta a constante implicación e compromiso de Stellantis Vigo co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, xa que unha iniciativa destas características, esixe dunha enorme coordinación e colaboración desinteresada de todos e cada un dos departamentos que integran a factoría viguesa, un esforzo que ten que ser posto necesariamente en valor dada a dificultade de organización que supón unha iniciativa desta envergadura.

Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue agradece o seu compromiso e colaboración á Dirección de Stellantis Vigo e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud