A XUNTA SOLICITA AO CONCELLO DE POIO A APROBACIÓN DUN PLAN ESPECIAL PARA O NOVO CENTRO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 05 2023
 


Persoal técnico da Xunta de Galicia, acompañado do xerente da área sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Flores, e de representantes do goberno local de Poio, visitou hoxe a parcela adquirida polo Concello de Poio para dedicar á construción do novo centro de saúde proxectado no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta de Galicia.

Trala visita, a Xunta solicitou ao Concello que redacte un Plan Especial de Dotación e Infraestruturas para permitir a urbanización desta zona. Do mesmo xeito, e dada a extensión do terreo (case 40.000 m2), os técnicos autonómicos recomendaron a segregación dunha parte da parcela, con mellor accesibilidade, para cedela á Xunta. Esta cesión necesitaría dun convenio previo para reflectir a obriga do concello de executar as obras de acceso á parcela desde a estrada xeral así como as obras de urbanización e dotación de servizos como auga, enerxía, telecomunicación ou saneamento.

O Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021, contempla, na súa fase 1, a construción dun novo centro de saúde en Poio. Xa en dúas cartas remitidas ao alcalde de Poio, en novembro de 2021 e marzo de 2022, o conselleiro de Sanidade viña reiterando a solicitude dunha parcela cunha edificabilidade de preto de 2.300 m2, para poder desenvolver este novo centro de saúde e ampliar as prestacións sanitarias da veciñanza de Poio.

Esta superficie responde á vontade do goberno galego de que o novo centro inclúa novos espazos non existentes ata o momento nas infraestruturas sanitarias do concello, como unha área de fisioterapia, con consulta e ximnasio, ou unha área de saúde bucodental con consultas de odontoloxía e de hixiene dental, así como un despacho para traballo social. O incremento da superficie permitirá que o novo centro conte con sala polivalente, sala de técnicas, consulta de docencia, despacho de coordinación ou salas de estar e de xuntas para os profesionais, espazos que non existen nos centros actuais.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud