A XUNTA CONSTITÚE O CONSELLO TÉCNICO ASESOR DA REDE DE CENTROS DE SIMULACIÓN CLÍNICA AVANZADA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 05 2023
 

A Consellería de Sanidade, por medio da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde (ACIS), procedeu hoxe a constituír o Consello Técnico Asesor da Rede de Centros de Simulación Clínica Avanzada. A constitución é fundamental para mellorar a formación e capacitación dos profesionais sanitarios en Galicia. 

Cómpre remarcar que a orde que crea a Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia e o seu Consello Técnico Asesor, foi publicada no pasado mes de xaneiro no Diario Oficial de Galicia, co obxectivo de que os profesionais sanitarios dispoñan de diferentes recursos que faciliten a mellora da calidade asistencial, docente e de investigación, a través da simulación clínica.

Durante a reunión de hoxe, á que asistiu o xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa, abordáronse as novas necesidades de equipamento e investimentos en material de simulación, e deseñáronse as próximas actividades formativas, ademais de analizarse o plan actual de formación.

É importante destacar que a simulación é unha metodoloxía de aprendizaxe que reproduce experiencias reais de pacientes mediante escenarios guiados e controlados que imitan algún aspecto da realidade. Isto establece situacións ou problemas similares aos que enfronta o persoal profesional durante as diferentes prácticas clínicas ou cirúrxicas. 

A formación baseada na simulación é unha ferramenta docente cada vez máis importante que permite incrementar os niveis de capacitación e competencias, especialmente nas habilidades clínicas, dos profesionais sanitarios nun ambiente seguro.

Ademais, a simulación permite o desenvolvemento de capacidades superiores, como as competencias en comunicación grupal, discusión e xustificación de accións, traballo baseado en evidencia, xestión do estrés ou do razoamento clínico. Os avances tecnolóxicos permitiron o desenvolvemento de modelos complexos de alta tecnoloxía e altamente realistas.

Seguridade para os pacientes

A formación ou o adestramento baseados na simulación son ferramentas que permiten diminuír a curva de aprendizaxe, pois permiten repetir as técnicas tantas veces como sexa necesario. Ademais, permiten a aprendizaxe a través do erro, o cal é moi importante para poder reflexionar sobre o mesmo e corrixir os fallos clínicos ou de coordinación. A simulación tamén permite simular distintas experiencias prácticas en diferentes contornas, con maior ou menor complexidade.

Deste modo, a formación baseada na simulación preséntase como unha ferramenta docente cada vez máis importante que contribúe á creación dunha cultura de seguridade para os pacientes e permite incrementar os niveis de capacitación e competencias dos profesionais sanitarios dentro dun ambiente seguro.

Para iso, o Sergas conta con aulas de simulación nas áreas sanitarias, así como nas instalacións da propia ACIS.

A creación da Rede de Centros de Simulación Clínica Avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia preséntase como unha iniciativa necesaria para proporcionar o apoio necesario para que os profesionais sanitarios dispoñan de recursos que faciliten a mellora da calidade asistencial, docente e investigadora, a través da simulación clínica. A cooperación e o traballo en rede son fundamentais para desenvolver o coñecemento da simulación clínica e compartir os recursos dispoñibles.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud