​COMESAÑA PON EN VALOR O PAPEL CRUCIAL DOS ENSAIOS CLÍNICOS NA INVESTIGACIÓN EN SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 05 2023


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, no Hospital Universitario Lucus Augusti, no acto de inauguración da xornada: “Ensaios clínicos: do hospital ás persoas”, o papel crucial dos ensaios clínicos na investigación en saúde. Segundo o titular da carteira sanitaria, “a investigación en saúde é fundamental para avanzar no coñecemento das enfermidades e o seu tratamento, así como para mellorar a atención sanitaria e a calidade de vida dos pacientes”. A este acto asistiron, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fouz, e o xerente da área sanitaria, Ramón Ares Rico.

Nesta xornada, que se celebra con motivo do Día Internacional dos Ensaios Clínicos, e no que o Hula reúne a investigadores e asociacións de pacientes de diversos puntos de España, o máximo responsable do Sergas incidiu en que a investigación clínica é unha ferramenta fundamental na busca de novas terapias e estratexias de tratamento, sendo os ensaios clínicos unha peza clave neste proceso.

En Galicia, -proseguiu o conselleiro-, “contamos cun importante equipo de profesionais que manteñen un destacado nivel de investigación”. Como exemplo puxo o servizo de oncoloxía do HULA, que ten en marcha 84 ensaios clínicos que abranguen diferentes tipos de cancro. Así mesmo, Galicia conta con magníficos equipos de investigadores que conforman os tres Institutos de Investigación Sanitaria, “que sitúan á nosa comunidade como unha das cinco con máis institutos de investigación sanitaria acreditados”.

Comesaña remarcou, así mesmo, o crecemento do investimento en investigación sanitaria nos presupostos galegos, cunha suba este ano de máis do 9%, ata acadar os 5,7 millóns de euros.

Destacou, igualmente, proxectos como a plataforma Innovatrial, centrada en integrar a investigación clínica coa actividade asistencial do Sergas. Ademais, o Sergas tamén participa en varias redes de investigación e plataformas para impulsar a investigación e xestión de ensaios clínicos na nosa comunidade.

Para finalizar a súa intervención, o conselleiro sinalou que os verdadeiros protagonistas dos ensaios clínicos son os pacientes, “que cada vez están máis involucrados e xogan un papel activo na busca de novas alternativas terapéuticas”.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud