A CONSELLERÍA DE SANIDADE E A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO COLABORARÁN PARA O INTERCAMBIO DE COÑECEMENTO, FORMACIÓN, INVESTIGACIÓN E DIFUSIÓN EN MATERIA DE SAÚDE PÚBLICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 05 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron hoxe un convenio marco, co obxecto de establecer as bases de colaboración entre as dúas institucións en todas aquelas actividades que promovan no desenvolvemento do coñecemento e as capacidades necesarias para o desempeño profesional en materia de saúde pública. No acto estivo presente, así mesmo, a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo.

As tarefas que se desenvolvan no marco deste convenio poderán ter, entre outras finalidades, o deseño e desenvolvemento de actividades formativas e/ou de investigación; de proxectos de consultoría; de divulgación e intercambio de coñecemento; de celebración de xornadas, conferencias e foros; de edición de publicacións; e de novas liñas de traballo en materia de saúde pública.

A colaboración que se acorde desenvolver entre Sanidade e a USC concretarase en proxectos individualizados, cuxas condicións e características recolleranse e concretaranse en cadanseu convenio específico.

Para impulsar as actuacións que se recollan neste convenio marco, promoverase unha estreita colaboración con outras administracións públicas e con outras institucións e organismos.

Coa fin de garantir o cumprimento do convenio marco ou dos convenios específicos que se subscriban, créase unha comisión de seguimento paritaria, integrada por tres representantes da Consellería de Sanidade, designadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública, e tres pola USC.

Cómpre remarcar que por Decreto 86/2022, do 19 de maio, creouse e estableceuse o marco normativo regulador das actividades da Escola Galega de Saúde Pública, adscrita á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Esta escola configúrase como un instrumento de participación, intercambio de coñecementos, experiencias e aprendizaxe no campo da saúde pública. Dentro das actividades da escola prevese a promoción de colaboracións coas universidades en relación coa formación e investigación en saúde pública.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud