A XUNTA AVANZA NA REFORMA DA UCI DO CHUO QUE AUMENTARÁ UN 30% AS CAMAS CUN INVESTIMENTO DE 8,2 M€
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 05 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe a reforma da UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que incrementará nun 30% o número de camas, e que estará dividida en boxes individuais, aprendendo as leccións da pandemia. Na visita, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial. Tal e como dixo Comesaña, “a obra comezou en xaneiro, e supón un investimento de 8,2 millóns de euros, posibilitando tamén modernizar este edificio Cristal, que é o máis antigo do complexo”. 

A obra ten dúas fases. A primeira é a habilitación dun novo espazo para pacientes críticos, no que se habilitarán 10 novos boxes. A segunda, é a reforma integral do actual espazo de UCI, coa instalación de 20 boxes individuais máis nesa localización. 

O bo avance das obras vai permitir, -incidiu Comesaña-, “que no mes de xuño o Sergas poida trasladar xa o servizo de UCI a este novo espazo e iniciar, por tanto, a segunda fase, coa reforma do que se está a utilizar actualmente, ata que se poida unir co novo e formar esa nova unidade integrada de 30 camas”.

Melloras por máis de 80 millóns de euros

O conselleiro subliñou que, nesta lexislatura, “a Xunta ten iniciados proxectos no CHUO por máis de 80 millóns de euros”, que implican melloras no complexo hospitalario por catro flancos. En primeiro lugar, está a obra do novo edificio de hospitalización e de reforma do materno-infantil, que comezou en novembro do ano pasado “e da que todos os cidadáns poden comprobar os seus avances”. É unha obra de 48,2 millóns de euros que supón un novo edificio de doce andares destinado a hospitalización e a radioloxía e urxencias, xunto coa remodelación de todo o actual edificio do Materno.

 O segundo flanco é o novo servizo de medicina nuclear, que se instalará no andar -1 do Materno, e que iniciou tamén a súa obra a finais de 2022, cun investimento de 2,8 millóns na obra e outros 2,5 en equipamento tecnolóxico. Esta obra vai servir, en primeira instancia, para instalar, por primeira vez na área de Ourense, un equipo PET, “que evitará desprazamentos de pacientes ourensáns a Vigo”. 

En segundo lugar, vai servir para substituír as dúas gammacámaras coas que conta o CHUO e para trasladar as novas desde o hospital Santa María Nai ata este novo espazo no soto do Materno.

 A terceira gran actuación é, -dixo Comesaña-, o proceso de renovación de equipos tecnolóxicos. Así, a Xunta ten en marcha máis investimentos en equipamento ata os 19 millóns de euros para incorporar novos equipos que non tiña o CHUO, como o PET, o robot cirúrxico, que leva xa case dous anos funcionando, ou a sala de neurorradioloxía vascular intervencionista, que se vai instalar este ano “e vai permitir que Ourense teña unidade de ictus”. 

Este proceso tamén vai servir para renovar algúns equipos que xa ten e substituílos por tecnoloxía máis moderna e máis punteira. Trátase de aceleradores lineais, hemodinámica, radioloxía vascular, os TACs, incluíndo a incorporación dun TAC espectral, e os equipos de ecografía con ata 9 novos, ou todo o bloque cirúrxico con renovación das mesas cirúrxicas, das lámpadas, dos equipos de radiocirurxía, das máquinas de anestesia e das estacións de quirófano.

Novo modelo de UCI no Sergas

Segundo sinalou o responsable do Sergas, a experiencia da pandemia amosou o necesario do investimento nas unidades de críticos. Por unha banda, a covid demostrou que, en momentos de tensión, podían quedarse pequenas, e, por outra, puxo de manifesto a necesidade de avanzar cara configuracións con boxes individualizados, que non só son máis operativos cando se trata con enfermidades infecciosas, “senón que facilitan outro proceso fundamental, que é o da humanización das unidades de críticos, mellorando o confort no so do paciente ingresado senón, tamén, das súas familias”.

Este é o modelo imperante nos hospitais máis novos como os de Lugo ou Vigo, -dixo o conselleiro-, pero “quedaba pendente estendelo ao resto, e niso está a traballar o Sergas”. Así, no verán do ano pasado, o Goberno galego puxo en marcha a nova UCI do hospital do Santiago con esta mesma filosofía. Ao longo deste ano rematará a reforma da UCI do Hospital da Coruña, dentro da fase 0 do novo CHUAC. Así mesmo, hai renovacións das unidades de críticos nas obras xa en marcha nos hospitais de Pontevedra e Ferrol, tamén con ampliacións de camas e co aumento da individualización.

Polo tanto, con este proxecto en Ourense, “o Sergas completa a adaptación das unidades de críticos de Galicia ás ensinanzas sacadas da pandemia da covid”. Creo, -dixo Comesaña-, “que reaccionamos nun tempo récord para adaptar os espazos nos que tratamos aos nosos pacientes máis delicados aos máis altos estándares de calidade, non só de capacidade asistencial, senón, tamén, no que atinxe á humanización e o coidado dos pacientes e das súas familias”.

Tal e como puxo en valor o conselleiro, “o sistema sanitario público galego foi un dos  que mellor resistiu esa gran proba que foi a pandemia, pero o noso deber e tomar nota do que era susceptible de mellora e investir os recursos necesarios para seguir perfeccionando un servizo público de saúde como o noso”.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud