A ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E BARBANZA SÚMASE Á CELEBRACIÓN DO DÍA SEN TABACO QUE ESTE ANO TEN POR LEMA "CULTIVEMOS ALIMENTOS, NON TABACO"
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 05 2023
 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023.- A Área Sanitaria de Santiago e Barbanza súmase aos actos con motivo do Día Mundial se Tabaco que convoca a OMS co propósito de destacar os riscos para a saúde que ocasiona o fumar, así como promover accións encamiñadas a reducir o seu consumo.

 

Con tal motivo instalouse unha mesa informativa no Hospital Clínico ao longo da mañá dirixida aos doentes e visitantes na que se realizaron medicións de concentración de monóxido de carbono en aire exhalado.

 

Profesionais sanitarios da área tamén repartiron material informativo en todos os centros de saúde e emitiu vídeos para concienciar dos danos do tabaco nas pantallas das consultas externas e zonas comúns das instalacións sanitarias.

A xerente da área, Eloína Núñez, a subdirectora de humanización, María José Menor, a subdirectora de Calidade e o responsable da Consulta Antitabáquica do Servizo de Pneumoloxía, Carlos Rábade, entre outros profesionais sanitarios e outros membros da comisión de tabaco, participaron na oferta de información aos pacientes e nas medicións que fixeron na mesa do Clínico.

Na Aula hospitalaria de pediatría fixéronse actividades relacionas coa temática e realizouse un concurso de debuxos no que todos os nenos foron premiados, debuxos que expostos na entrada do hospital.

Este ano o día mundial leva por lema “cultivemos alimentos,  non tabaco”. Esta campaña pretende animar a poñer fin ás subvencións ao cultivo de tabaco e utilizar os recursos aforrados para axudar aos agricultores a cambiar a cultivos máis sostibles que melloren a seguridade alimentaria e a nutrición.

A OMS recorda que fumar prexudica á saúde pulmonar de diversas formas, xa que causa cancro de pulmón, enfermidade pulmonar obstructiva crónica (EPOC) ou pode empeorar a tuberculose. Amais, os nenos expostos a tabaco alleo poden sufrir ou empeorar de asma, pneumonía, bronquiolite e infeccións respiratorias das vías baixas.

En España o estudo EDADES revela que o consumo de drogas se estabilizou, salvo no caso de cannabis e o tabaco. E o aumento e maior en mulleres e adolescentes.

O tabaquismo é unha enfermidade e unha epidemia que afecta a máis de 1.000 millóns de persoas no mundo e causa 7 millóns de mortes ao ano, 900.000 das cales corresponden a persoas non fumadoras que respiran fume de tabaco alleo. É a principal causa de enfermidade e mortalidade evitable no noso medio. Cada ano morren en España unas 50.000 persoas por enfermidades provocadas polo consumo de tabaco. Estímase que cada ano morren en España arredor de 2.500 persoas non fumadoras que respiran fume.

En Galicia, as cifras de prevaleza de fumadores diarios -en poboación maior de 16 anos- é do 16%, chegando a un 21% no grupo de idade entre 25 e 44 anos.

Área de Santiago

A prevaleza de consumo de tabaco na Área Sanitaria de Santiago é do 21% e a de exfumadores do 28%. É dicir, unha de cada 5 persoas adultas é fumadora na actualidade, e unha maior proporción xa deixou de fumar. A prevaleza de consumo segue sendo máis alta nos homes ca nas mulleres (27% fronte a un 16%). Tendo en conta a idade, o grupo con maior prevaleza é o de 25 a 44 anos cun 30 %.

A Área Sanitaria de Santiago, quere neste día sumar a súa voz á dos milleiros de organismos nacionais e internacionais, que defenden políticas eficaces para axudar a reducir o consumo de tabaco, a principal causa responsable de mortes evitables.

 

Saúdos

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud