GALICIA ILUMÍNASE DE VERMELLO NO DÍA MUNDIAL DO DOANTE DE SANGUE E CONVÉRTESE NA TERCEIRA COMUNIDADE AUTÓNOMA CON MAIOR TAXA DE DOAZÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 06 2023


A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) conmemorará mañá o Dia Mundial do Doante de Sangue iluminando de cor vermella edificios e monumentos emblemáticos de Galicia na noite do 13 ao 14 de xuño.

Ademais, nesta ocasión a conmemoración respaldase cuns excelentes datos de participación facilitados polo Ministerio de Sanidade e a Organización Mundial da Saúde, e que poñen en valor o altruísmo dos galegas e galegos nas campañas de doazón e que sitúan a Galicia como a terceira Comunidade Autónoma con maior taxa de doazón de España, sendo tan só superada por Castela-León e Estremadura.

Agradecemento aos concellos

ADOS quere agradecer o constante compromiso e colaboración de todos os concellos galegos no traballo diario que desenvolve a Axencia e que permite achegar a doazón de sangue, mediante o desprazamento das unidades móbiles aos cidadáns, ademais de favorecer a realización de iniciativas de sensibilización e promoción da doazón.

Reflexo desta colaboración é a iluminación do 13 ao 14 de xuño das Torres Hejduk da Cidade da Cultura (Santiago), a Fonte de Catro Camiños (A Coruña) ou a Ponte Vella (Ourense), así como o Pazo de Raxoi (Santiago), os edificios administrativos da Consellería de Sanidade en San Lázaro (Santiago), o Teatro Jofre (Ferrol), a Casa do Concello (Pontevedra), ou as Fontes da rúa Aragón (Vigo), que permanecerán iluminadas en cor vermella durante o venres 14 de xuño, como xeito de simbolizar a importancia da contribución dos doantes de sangue no sostemento do noso sistema público de saúde e, sobre todo, pola súa contribución a que moitas persoas poidan solucionar graves problemas de saúde.

Entrega de galardóns

O colofón da xornada de conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue será o acto de entrega de recoñecementos, que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, e que se desenvolverá mañá mércores, 14 de xuño, coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e da directora de ADOS, Marisa López García, entre outras autoridades.

Deste xeito, un ano máis, celebrarase unha nova edición da entrega de galardóns tanto a particulares, como a colectivos, que se teñen distinguido pola súa especial implicación no labor de sensibilización social a prol da doazón de sangue. Ademais, esta xornada de conmemoración tamén permite celebrar o 30º aniversario da creación do Centro de Transfusión de Galicia, hoxe integrado en ADOS.

A pé de rúa

Para achegar esta data sinalada a todos os recunchos de Galicia, mañá principiará unha campaña especial de doazón consistente en converter ás unidades móbiles de ADOS en puntos moi especiais de doazón que recibirán aos doantes de sangue cun despregue e unha escenografía deseñada para os protagonistas, cada día, das campañas desenvolvidas por ADOS: os doantes.

A Praza Roxa de Santiago será mañá, das 9:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21 horas, a primeira referencia desta iniciativa especial que se achegará nos vindeiros meses a distintos concellos galegos para conmemorar o 30º aniversario desde a posta en funcionamento dun único centro de referencia para a hemodoazón en Galicia e salientar a solidariedade e altruísmo de todas as galegas e galegos.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud