A XUNTA COMPLETA A RENOVACIÓN DAS SÚAS TRES UNIDADES DE RESONANCIA MAGNÉTICA MÓBIL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 06 2023
 


A Xunta de Galicia vén de recibir unha nova unidade de resonancia magnética móbil, que completa o plan de renovación destes equipos levado a cabo polo Executivo galego. Esta unidade súmase agora a outras dúas resonancias móbiles que xa foron renovadas en 2018 e 2021. Así, nun prazo de seis anos, logrouse substituír a totalidade destes equipamentos, que xa contaban con entre 12 e 15 anos de antigüidade. Esta renovación foi realizada cos fondos europeos transferidos a través do Plan INVEAT, superando os tres millóns de euros de investimento.

As melloras que presenta o novo equipo permitirán que os doentes se sintan máis cómodos á hora de realizar a proba. Pasar de 60 a 70 centímetros de diámetro no habitáculo mellora notablemente o confort dos pacientes, o que repercute nunha maior claridade dos resultados. Outro dos avances que presenta a nova resonancia móbil é o sistema de adquisición de imaxe, totalmente dixital e con técnicas de intelixencia artificial, precisando así menos datos para producir a imaxe, reducindo os tempos de realización da proba. 

A Xunta leva anos ofrecendo este servizo pioneiro na sanidade pública, que permitiu realizar 26.553 probas durante o ano 2022. Estas unidades móbiles desprázanse cada mes ata os sete hospitais comarcais, garantindo a igualdade asistencial para aquelas persoas que viven lonxe dos seus centros de referencia, aforrando milleiros de quilómetros de desprazamento e reducindo o custo social e económico que supoñen estes traslados. 

Plan de Renovación e Modernización da Tecnoloxía Sanitaria

Estas adquisicións responden ao obxectivo de mellorar a oferta asistencial da poboación nas sete areas sanitarias, aumentando e modernizando a capacidade de todos os hospitais públicos galegos. Nos últimos anos, o Sergas realizou numerosas actualizacións de equipamento, así como adquisicións de novos dispositivos que intensifican a capacidade asistencial dos centros comarcais. 

Mostra disto é o investimento de 4,3 millóns de euros na adquisición de 37 equipos radiocirúrxicos, dos cales sete foron destinados a reforzar o equipamento dos hospitais comarcais. Tamén levouse a cabo unha renovación integral dos ecógrafos dos servizos de Radiodiagnóstico e Urxencias dos centros hospitalarios galegos, por un importe de preto de seis millóns de euros. Destes equipos, un total de nove ecógrafos foron distribuídos polos hospitais comarcais. 

Así mesmo, ao longo deste ano, o Sergas prevé completar a instalación de novos TAC en todos os hospitais comarcais galegos. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud