URXENCIAS SANITARIAS DE GALICIA-061 CONDENA FIRMEMENTE AS SABOTAXES E FAI UN CHAMAMENTO Á NECESIDADE DUN COMPORTAMENTO RESPONSABLE DURANTE AS XORNADAS DE FOLGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 07 2023
 


A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente os actos vandálicos e as as sabotaxes realizadas contra as ambulancias asistenciais da Rede de transporte sanitario urxente e insiste na necesidade dun comportamento responsable e consecuente durante as xornadas de folga que comezan esta noite ás 00.00 horas, do xoves 6 de xullo, e está previsto que se manteñan ata as 23.59 do venres, 7 de xullo. 

A convocatoria de folga enmárcase no contexto da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia. Conta cunha segunda convocatoria de folga que se estende aos días 19, 20 e 21 de xullo.

Cómpre salientar que, como servizo esencial para a poboación, os servizos mínimos establecidos para a atención ás urxencias e ás emerxencias polas unidades asistenciais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 durante as xornadas de folga son do 100% para toda a Comunidade Autónoma. 

Picadas nas rodas e pintadas 

Á marxe da convocatoria das xornadas de folga pola falta de acordo na negociación do convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias, as ambulancias asistenciais da Rede de transporte sanitario urxente están a sufrir picadas nas rodas e outros actos vandálicos como pintadas ou o baleirado dun extintor no interior dunha ambulancia con base en Vigo o pasado día 17 de xuño.

Desde esa data e ata as 8.00 horas de hoxe, rexistráronse picadas nas rodas de ao menos unha vintena  de ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (SVA) e soporte vital básico (SVB), nos concellos de Vigo, Oleiros, Betanzos, Sada, A Coruña, Lugo, Vigo, Redondela, Foz, Pontevedra e Baiona, entre outros. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade.

Por último, lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a cobertura sanitaria ás urxencias, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas.  

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud