O SERGAS DESEÑA UN NOVO MODELO DE ASISTENCIA INTEGRAL DA ENFERMIDADE INFLAMATORIA INTESTINAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
14 07 2023
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou este mediodía en Pontevedra o primeiro Proceso Asistencial Integrado (PAI) da Enfermidade Inflamatoria Intestinal, que fomenta o seguimento domiciliario e a formación de enfermaría especializada para atender estes pacientes.

Este documento é froito dun proceso de escoita ás asociacións de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa e do traballo de especialistas en medicina dixestiva, ademais de pediatría, radioloxía, reumatoloxía, enfermaría, farmacia e medicina familiar. 

Acompañado pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, e polo xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, o responsable da Sanidade galega fixo fincapé no impacto desta enfermidade na vida social dos pacientes, dado que a súa aparición é máis frecuente entre os 15 e os 35 anos. 

“Faláronnos da ansiedade entre o momento da aparición dos primeiros síntomas e a chegada do diagnóstico definitivo, faláronnos das dificultades para asumir a cronicidade desta enfermidade, para axustar os primeiros tratamentos e tamén desa necesidade de apoio para afrontar os efectos da enfermidade na vida social”, sinalou Comesaña.

O novo PAI da Enfermidade Inflamatoria Intestinal homologa en todo o Servizo Galego de Saúde os criterios de sospeita diagnóstica, especificando os síntomas que deben levar a solicitar probas complementarias e as outras patoloxías que se deben descartar antes de derivar ao hospital. 

Continuidade asistencial en todos os servizos

Do mesmo modo, esta guía ten como reto garantir a continuidade asistencial, definindo a relación entre atención primaria e hospitalaria e a relación coa atención de enfermaría,  establecendo a necesidade de existencia de persoal especializado en enfermidade inflamatoria intestinal e definindo tanto os síntomas como as necesidades de orientación sobre tratamento, nutrición ou sexualidade nas que o paciente debe dirixirse ao persoal de enfermaría.

Tendo en conta a posibilidade de que os pacientes poidan acudir aos servizos de urxencias por complicacións ou brotes, precísase a súa coordinación coa atención ambulatoria e o seguimento domiciliario a través da plataforma TELEA, que monitoriza a evolución do paciente a través de biomedidas e cuestionarios periódicos.

Na mesma liña de garantir a continuidade asistencial, establécese un protocolo para facilitar a transición entre a atención pediátrica e a de adultos. En palabras do conselleiro de Sanidade: “Esta é unha patoloxía que acompaña ao paciente ao longo da súa vida e o sistema sanitario debe acompañalo tamén sen atrancos. Por iso, este PAI dá as pautas de cando e como realizar esa transición entre a consulta pediátrica e a de adultos”.

Como último reto, engádese a abordaxe sociosanitaria definindo o papel do traballador social á hora de facilitar o acceso ao posible recoñecemento de discapacidade ou dun grao de dependencia.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud