ADOS ACADA 485 DOAZÓNS DE SANGUE NA TERCEIRA VISITA ANUAL DAS SÚAS UNIDADES MÓBILES A STELLANTIS VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
27 07 2023

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) acadou na terceira campaña de doazón, que este ano desenvolve nas instalacións de Stellantis Vigo, unha participación de 485 doantes. No transcurso das xornadas do martes 18, mércores 19 e xoves 20 de xullo, achegáronse a doar un total de 543 profesionais da factoría viguesa, dos cales un 89% puideron facer efectiva a súa doazón. Salientar ademais, que das 485 doazóns recollidas, 53 correspóndense con persoas que doaban sangue por ver primeira.

No transcurso do presente ano, ADOS ten previsto realizar catro campañas de doazón en Stellantis Vigo e quere por en valor a contribución desta empresa viguesa, que acumula 73.159 doazóns desde o 5 de xullo de 1995, data da primeira visita da Axencia ata esta significativa factoría galega. ADOS desexa amosar o seu sincero agradecemento a Stellantis Vigo, un dos principais centros de referencia do tecido industrial galego que, desde sempre, ten amosado o seu compromiso coa sociedade galega e co solidario xesto da doazón, tanto de sangue como de órganos.

Traxectoria solidaria

Hai 28 anos, Stellantis Vigo comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e que, actualmente, consolidan a esta empresa como un referente a nivel estatal, sendo a empresa española con maior número de doazóns.

Salientar que grazas a colaboración dos profesionais da empresa viguesa que doaron no transcurso de esta campaña, puideron subministrarse compoñentes sanguíneos para realizar, por exemplo, máis de 242 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 120 enfermos oncolóxicos.

Sensibilización e colaboración

ADOS quere salientar a constante implicación e compromiso de Stellantis Vigo co desenvolvemento das campañas de doazón, xa que unha iniciativa destas características, esixe dunha enorme coordinación e colaboración desinteresada de todos e cada un dos departamentos que integran á factoría viguesa, un esforzo que ten que ser posto en valor dada a dificultade de organización que supón unha iniciativa desta envergadura. Lembrar ademáis que a empresa viguesa foi galardonada o 15 de xuño, no acto de entrega de distincións no Día Mundial do Doante de Sangre organizado por ADOS, por ser a empresa con maior número acumulado de doazóns de sangue na nosa Comunidade.

Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer o seu compromiso e colaboración á Dirección de Stellantis Vigo e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud