A Xunta de Galicia está nestes momentos a instalar un total de 58 novos
equipos de ecografía nos servizos de xinecoloxía e obstetricia das sete áreas
sanitarias galegas. O Servizo Galego de Saúde formalizou en xuño por un importe
total de 4,1 millóns de euros os contratos coas empresas adxudicatarias da licitación
deste material autorizada polo Consello da Xunta en decembro do pasado ano.
Investimento de 850.000
euros nos hospitais de A Coruña e Cee
En concreto, o hospital Teresa Herrera de A Coruña contará con oito novos ecógrafos e o hospital comarcal de Cee verá renovados dous equipos. En
total, o investimento nesta área sanitaria ascende a 850.000
euros.
Renovación de tecnoloxía diagnóstica
Estes contratos forman
parte do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta
lexislatura e ao que a Xunta de Galicia está destinando boa parte dos fondos
europeos que recibe. Así, o equipamento obxecto destes expedientes de
contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE
do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión
Europea á pandemia da covid-19.
Actividade
Xinecoloxía e obstetricia
son as dúas disciplinas dunha única especialidade médica. Obstetricia fai
referencia á atención á muller durante o período de embarazo, parto e
puerperio. No caso da muller embarazada, os exames de ultrasóns son realizados
para detectar os casos de maior risco de problemas maternos ou fetais. Ademais,
teñen como obxectivo máis específico obter unha apreciación das características
e conformación xeral do bebé. Os médicos recomendan a realización de entre tres
e catro ecografías ou ultrasóns para ver a evolución do bebé nas diferentes
etapas da súa xestación nun embarazo normal.
Por outro lado, a
xinecoloxía é unha das especialidades médicas máis demandadas. Desde o inicio
das relacións sexuais, o ben a partir dos 18 anos, é recomendable realizar
revisións xinecolóxicas nas que a ecografía é unha proba complementaria básica
polo seu carácter non invasivo, indoloro e inocuo.
Nos
hospitais da área sanitaria da Coruña e Cee traballan máis de 50 facultativos
en obstetricia e xinecoloxía, cunha poboación de referencia de máis de 265.000
mulleres maiores de 14 años. Neles realízanse, anualmente, máis de 7.000 primeiras
consultas; máis de 33.000 consultas sucesivas; máis de 2.900 cirurxías; e máis
de 2.190 partos (entre partos vaxinais y cesáreas). Na práctica totalidade das
atencións a ecografía é fundamental.