A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA E O SALNÉS E A ALCALDÍA DE VILABOA AVANZAN NA FUTURA IMPERMEABILIZACIÓN DA CUBERTA DO CENTRO DE SAÚDE DO TOURAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 08 2023

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, acompañado polo subdirector de Recursos Económicos, Antonio Taboada Prado, mantivo esta mañá no hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra unha xuntanza técnica co alcalde do Concello de Vilaboa, César Poza González, na que os responsables sanitarios e municipais analizaron a planificación para acometer antes de final do presente ano obras de mellora, impermeabilización e illamento na coberta do centro de Atención Primaria de O Toural desta localidade.

No transcurso desta xuntanza -que dá continuidade á constante relación entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais- os responsables da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés subliñaron ao rexedor municipal de Vilaboa que a iniciativa de impermeabilización proposta para a coberta do centro de saúde de O Toural dará unha solución definitiva á estanqueidade dos seus espazos, que abranguen unha superficie de 729 metros cadrados –o edificio dispón de catro consultas de Medicina Xeral, tres consultas para Enfermaría, unha consulta para o pediatra, unha consulta para enfermaría de Pediatría, unha consulta para a matrona, unha sala polivalente, sala de educación maternal e unha área para servizos administrativos-.

Auditorías e controis periódicos

Durante a xuntanza mantida esta mañá co alcalde de Vilaboa, César Poza, sinalouse que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés efectúa auditorías e controis periódicos da súa infraestrutura, dotación e necesidades nos concellos da súa área de influencia. 

O Sergas fai deste xeito, xunto coas corporacións locais, unha aposta decidida pola Atención Primaria para aumentar a resolución deste primeiro nivel asistencial, que é a porta de entrada dos pacientes ao sistema sanitario público galego. O obxectivo é manter centrada toda a organización nos pacientes e na integración e continuidade de coidados, na mellora da capacidade resolutiva, de acceso a probas diagnósticas e na implantación e extensión de novas ferramentas e tecnoloxías que permitan a innovación e mellora da calidade.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud