UN ESTUDO VALIDA A EFICIENCIA DE CHAPGPT FRONTE AOS MITOS SOBRE A SEGURIDADE DAS VACINAS CONTRA A COVID
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 09 2023

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2023.- ChatGPT podería contribuír a incrementar o grao de aceptación das vacinas ao desmentir os mitos sobre a seguridade do proceso de vacinación. Iso indican Antonio Salas e Federico Martinón, do Insituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), líderes dun estudo recentemente publicado na revista Human Vaccines and Immunotherapeutics.

Os investigadores formularon ao popular chatbot de intelixencia artificial (IA) as 50 preguntas máis frecuentes sobre a vacina contra a COVID-19, baseándose na web sobre vacinación e vacinas COVID desenvolvida durante a pandemia polo Centro Colaborador da OMS en Seguridade vacinal de Santiago de Compostela (www.covid19infovaccines.com). Entre elas, incluíanse consultas baseadas en mitos e historia falsas, como a que atribúe á vacina a causa da COVID de longa duración (Long COVID).

A análise da precisión das repostas outorga a ChatGPT unha puntuación media de 9 sobre 10 e puntualiza que, no resto dos casos, a ferramenta ofreceu tamén datos correctos, a pesar de deixar algunhas lagoas na información facilitada. Á vista destes resultados, os responsables deste estudo liderado desde o grupo de Xenética de Poboacións en Biomedicina (GenPoB) e GenVIP,  con investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) e da Universidade de Santiago de Compostela, (USC),  sosteñen que esta ferramenta de IA é unha “fonte fiable de información non técnica para o público”, especialmente para aquelas persoas sen coñecementos científicos especializados.

Con todo, a investigación pon tamén de relevo algunhas cuestións preocupantes en relación co uso da tecnoloxía, como a posibilidade de que ChatGPT altere as súas respostas en certas situacións. "En xeral, ChatGPT constrúe unha narrativa en liña a partir da evidencia científica dispoñible, desacreditando os mitos que circulan nas redes sociais", explica o profesor e autor principal do estudo, Antonio Salas.

 

O investigador, líder do grupo GenPoB, apunta que “por tanto, pode facilitar un aumento na aceptación da vacina”. ChatGPT é capaz de detectar preguntas falsificadas relacionadas con vacinas e vacinación. A linguaxe que utiliza esta IA non é demasiado técnica e, polo tanto, facilmente comprensible para o público, sen que isto supoña unha perda de rigor científico: “Recoñecemos que a versión actual de ChatGPT non pode substituír unha evidencia científica ou de expertos, pero os resultados suxiren que podería ser unha fonte fiable de información para o público”.

Información fronte á reticencia ás vacinas.

 En 2019, a Organización Mundial da Saúde (OMS) incluíu a reticencia fronte ás vacinas entre as 10 principais ameazas para a saúde mundial. Durante a pandemia, a información errónea difundida a través das redes sociais contribuíu a que o público desconfiase da vacinación contra o covid-19, como parte da denominada “infodemia”. O estudo desenvolveuse no seo do Centro Colaborador da Organización Mundial da Saúde en Seguridade Vacinal de Santiago de Compostela, coordinado desde o Hospital Clínico Universitario de Santiago polo xefe do servizo de pediatría,  Federico Martinón-Torres. Os investigadores do centro exploraron os mitos sobre a seguridade das vacinas e sobre aquelas situacións médicas falsamente consideradas como razón para non vacinarse, factores que contribuíron á xeración de dúbidas #ante o proceso de vacinación. Neste contexto, os investigadores propuxéronse probar a capacidade de ChatGPT para obter datos correctos e compartir información precisa sobre a seguridade da vacina fronte á COVID en concordancia coas evidencias científicas existentes. Esta tecnoloxía permite ás persoas ter conversacións e interaccións similares ás humanas cun asistente virtual. A ferramenta é moi fácil de usar, o que a fai accesible a unha ampla poboación, pero xera dúbidas entre moitos gobernos, preocupados pola posibilidade de que se use de maneira fraudulenta en contornas educativas como as universidades.

En tales condicións, o estudo foi deseñado para desafiar ao chatbot facéndolle as preguntas máis frecuentes recibidas polo centro colaborador da OMS en Santiago, ao redor de tres temas centrais. En primeiro lugar, tratáronse os conceptos erróneos en materia de seguridade, como a mencionada vacina causante da COVID de longa duración. Seguidamente, abordáronse as falsas contraindicacións médicas, como situacións nas que a picada se consideraba insegura a pesar de non selo (como na lactación materna). Finalmente, as preguntas recollían tamén contraindicacións verídicas e casos nos que o persoal sanitario debe tomar precaucións (como, por exemplo, en pacientes con inflamación do músculo cardíaco). A continuación, os expertos analizaron as respostas para despois cualificalas segundo a súa veracidade e precisión fronte á evidencia científica actual e as recomendacións da OMS e outras axencias internacionais.

 

Os autores inciden na importancia deste contraste, pois os algoritmos creados polas redes sociais e os motores de procura da internet a miúdo baséanse nas preferencias habituais dun individuo, o que pode dar lugar a “respostas nesgadas ou incorrectas”, engaden.

Os resultados mostraron que a maioría das preguntas foran respondidas correctamente cunha puntuación media de 9 sobre 10, que se define como ‘excelente’ ou ‘boa’. As respostas proporcionadas por ChatGPT ás tres clases de preguntas foron nun 85,5% precisas e nun 14,5% tamén correctas, pero con lagoas de información.

Con todo, o equipo de investigación destaca algunhas desvantaxes de ChatGPT ao proporcionar información sobre vacinas. O profesor Martinón, advirte: “ChatGPT ofrece respostas diferentes se a pregunta se repite ‘cuns segundos de atraso’. Moitas das temáticas que se poden tratar con ChatGPT, máis aló das vacinas, son moi sensibles e poden ter consecuencias sociais importantes. O que estamos a ver é que a intelixencia artificial é un vehículo para obter respostas rápidas e en xeral confiables. Aínda estamos no desenvolvemento primixenio destas ferramentas, polo que teremos que esperar a ver que nos depara o futuro; teño a expectativa de que se creará  IA especificamente deseñada para contrastar bulos, pero en contrapartida, poderíanse crear ferramentas especificamente deseñada para alimentalos.”

Salas, especialista en xenética humana, engade que "Outra preocupación que vemos é que esta ferramenta de intelixencia artificial, na súa versión actual, tamén podería ser adestrada para proporcionar respostas non acordes coa evidencia científica”, continúa o investigador. “Pódese ‘torturar’ ao sistema de tal maneira que proporcione a resposta desexada. Isto tamén é certo para outros contextos diferentes ás vacinas. Por exemplo, pode ser posible facer que o chatbot se aliñe con narrativas absurdas como a teoría da terra plana, negue o cambio climático ou se opoña á teoría da evolución, por poñer algúns exemplos. Con todo, é importante ter en conta que estas respostas non son o comportamento predeterminado de ChatGPT. Así, os resultados que obtivemos sobre a seguridade da vacina probablemente poidan extrapolarse a moitos outros mitos e pseudociencias, e desde logo son moito mais fiables e precisos que os obtidos por outros motores de procura e ferramentas web", conclúe.  Saúdos​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud