A XERENCIA SANITARIA COMPOSTELÁ IMPLANTA UN NOVO PROTOCOLO DE ACOMPAÑAMENTO AO NACEMENTO POR CESÁREA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 09 2023
 
 

Santiago, 6 de setembro 2023.- A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza pon en marcha un novo Protocolo de acompañamento ao nacemento mediante cesárea no que se posibilita o acompañamento á nai, de quen ela decida, durante todo o proceso, e a non separación en ningún momento do seu fillo, ao igual que xa se viña facendo no parto vaxinal, polo que se adianta o contacto pel con pel continuado co recén nado.

Así pois, trala constitución, a principios deste ano, dun grupo de traballo participado por persoal facultativo e de enfermería dos servizos de Obstetricia e Xinecoloxía, Pediatría e Anestesioloxía, e co apoio da xerencia elaborouse e aprobouse dito protocolo que entra agora en funcionamento tralo consenso dos profesionais. Dito documento garante a seguridade e cumprimento dos estritos protocolos anestésico-cirúrxicos no quirófano que en principio dificultaban o acompañamento e a non separación da nai co bebé.

Esta medida enmárcase no compromiso da xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza por “adoptar actuacións encamiñadas á potenciar a atención de calidade ao parto e aos nacementos por cesárea en todas as etapas do proceso, dende a dilatación ata a recuperación da nai e o bebé”, segundo subliña Eloína Núñez, xerente da área sanitaria compostelá.

Este protocolo “que comezará a aplicarse de xeito inminente, pretende mellorar a experiencia das mulleres e as súas familias. Síntome moi orgullosa de implementalo na nosa área sanitaria”, engade a xerente. Amais subliña, “quero destacar que foi un traballo no que participamos de xeito conxunto a dirección, e os profesionais do servizo de obstetricia e xinecoloxía e os de pediatría e anestesia a quen quero agradecer a súa implicación para a implantación deste protocolo no que estivemos traballando nos últimos meses”.

Xuntanza coa plataforma Loita

Esta mañá a xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, acompañada pola directora de enfermería, Vitoria Carral, a xefa do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía, Laura Souto, a supervisora da unidade de Partos, Consuelo Vázquez e Patricia Peñas, obstetra, convocaron ás responsables da plataforma Loita para darlles a coñecer o novo proceso que se pon en marcha.

Segundo figura no texto, dito protocolo busca “estandarizar e normalizar a cesárea con acompañante en quirófano e as prácticas que facilitan a satisfacción das familias, o contacto pel con pel precoz do recén nado e o establecemento precoz da lactancia materna se é o desexo materno, dentro dunhas condicións de seguridade óptimas tanto para as familias como para os traballadores sanitarios”. O novo protocolo de acompañamento está indicado nas cesáreas programadas que se realicen con anestesia loco-rexional nas que non se prevean complicacións cirúrxicas. Introdúcese en dúas fases, cuns determinados criterios clínicos na primeira etapa, que se ampliarán nun segundo paso en canto se normalice a súa práctica.

A implantación deste novo proceso é posible ademais pola adaptación de espazos na área de paritorio e a reorganización, adaptación e adquisición de material necesario para a súa posta en marcha. Trala cesárea facilitarase inmediatamente o contacto pel con pel coa nai de forma continuada e na presenza do acompañante, xa que se ten habilitado un espazo na propia área de paritorio para o postparto que permite o seu acompañamento permanente ata a subida á habitación, sempre que o estado de saúde da nai e do bebé o permitan.

Melloras tecnolóxicas e de confort

A Unidade de Traballo de Parto e Reanimación (UTPR) do Servizo de Obstetricia acaba de incorporar, este verán, 5 novas camas que se instalaron hospital Clínico cun investimento de preto de 78.000€.

Estas camas mellorarán a experiencia das pacientes durante todo o proceso de parto, favorecendo, tamén o labor dos/as profesionais do servizo de obstetricia. Destacan polo seu deseño ergonómico e a súa tecnoloxía avanzada, que se adapta ás necesidades específicas das mulleres durante o proceso de dilatación, parto, reanimación e postparto.

Entre os beneficios destacan o axuste de altura para facilitar o acceso e a comodidade tanto para as pacientes como para o persoal, as posicións múltiples para adoptar a máis cómoda durante o traballo de parto e o parto en si, e o soporte lumbar axustable que ofrece maior confort. Amais ofrece unha maior seguridade e estabilidade.

Esta mellora vense a sumar á recente instalación de 11 novos ecógrafos adquiridos pola Xunta de Galicia, cun custe de 900.000 euros nas consultas de xinecoloxía e obstetricia da área sanitaria compostelá. Esta renovación e ampliación tecnolóxica permitirá unha importante mellora na capacidade de resolución das consultas e que implicará tamén grandes avances na capacidade diagnóstica de cada visita médica.

A área sanitaria de Santiago asiste unha media de 5 partos ao día no Clínico no primeiro semestre do ano. En total, do 1 de xaneiro ao 11 de xullo,  rexistráronse, no hospital Clínico, 1.100 recén nados. A idade media das nais foi de 31,56 anos, descendendo un pouco ao respecto da idade media das nais do pasado ano 2022, cando fora de 34,70 anos.   Saúdos,

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud