GALICIA INICIARÁ O 1 DE OUTUBRO A INMUNIZACIÓN DA POBOACIÓN INFANTIL FRONTE AO ROTAVIRUS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 09 2023

O Consello da Xunta aprobou esta mañá, na súa xuntanza semanal, o acordo polo que dá o seu visto e prace á actualización do Calendario de inmunización ao longo de toda a vida. Un programa que estará en funcionamento, de xeito íntegro, desde o vindeiro 1 de outubro, data na que se iniciará a vacinación da poboación infantil fronte ao rotavirus.

Ata o de agora, a vacinación fronte ao rotavirus estaba indicada só para lactantes prematuros nados en determinadas idades de xestación. Non obstante, a partir do 1 de outubro será sistemática para os nenos/as nados a partir o 1 agosto de 2023, dado que a súa primeira dose se administra aos dous meses de nacer.  

O rotavirus é unha infección que afecta fundamentalmente a lactantes moi pequenos, sendo a principal causa de ingreso hospitalario por diarrea aguda, e a súa complicación máis frecuente, a deshidratación. Esta vacina adminístrase de xeito oral e conta con dúas doses (aos 2 e 4 meses de nacer).

A vacina do rotavirus introdúcese como parte do calendario de inmunización ao longo de toda a vida, sendo unha vacina sistemática que se administrará no contexto do Programa do Neno San, e tendo lugar nas revisións pediátricas en atención primaria. Aproximadamente cada mes nacen ao redor 1.200 nenos/as, polo que este sería o número de vacinas que se administrarían.

Elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, no novo programa de vacinación galego destacan cinco grandes novidades relativas á inmunización fronte ao herpes zóster, o pneumococo, o meningococo, o virus respiratorio sinitial (VRS) e o xa mencionado rotavirus.

Para iniciar a posta en marcha deste novo calendario, a Xunta tivo que acometer a ampliación de varios contratos de vacinas vixentes. Así, ademais dos 28’8 millóns definidos nos orzamentos do ano 2023, formalizou un novo contrato para adquirir por máis de 3 millóns de euros o anticorpo contra o virus respiratorio sincitial (VRS). De cara ao ano 2024, o Executivo galego ten previsto acadar os 40 millóns de euros para levar a cabo o programa de inmunización.

Neste senso, o vindeiro 25 de setembro tamén comezará a campaña fronte ao VRS coa inmunización de todos os nenos/as que nazan en calquera dos centros hospitalarios de Galicia. Xunto con isto, a Consellería de Sanidade citará entre os días 2 e 15 de outubro a aqueles nenos/as nados desde o pasado 1 de abril de 2023. Ademais, as áreas sanitarias convocarán tamén desde o 25 de setembro aos nenos prematuros (nados desde o 1 de outubro de 2021), e aos nenos de alto risco (cardiopatías, displasia broncopulmonar, etc) con menos de 24 meses. Esta previsto que se lle administre o anticorpo do VRS a máis de 15.000 nenos e nenas.

Así mesmo, tamén o vindeiro mes de outubro será o momento no que se completen ás incorporacións do programa galego de inmunización e a actualización das poboacións diana co comezo da vacinación fronte ao meningococo con serotipos ACWY.

Galicia converterase na primeira comunidade autónoma na que se administra unha vacina de tipo tetravalente para facer fronte ao meningococo ao incorporar unha vacina que inclúe os serotipos ACWY, e que substituirá á vacina fronte ao meningococo C indicada aos 4 meses de idade. Os seus destinatarios serán os nenos e nenas nados a partir do 1 de xuño de 2023, comenzando tamén a súa administración a partir 1 de outubro de 2023.

Galicia conta co calendario de inmunización máis completo de España, mantendo o Executivo galego o seu compromiso por mellorar a saúde da súa poboación, e tamén a garantía de equidade de acceso a vacinas que non estaban financiadas polo sistema sanitario público. 

O comezo destas tres novas inmunizacións engádense ás iniciadas o pasado mes de abril no novo calendario de inmunización ao incluir a vacinación sistemática fronte ao herpes zóster para as persoas que cumpran  65 e 80 anos no 2023, e máis recentemente, en xuño, tras a substitución da vacina conxugada fronte ao pneumococo 13-valente pola 20-valente, e cuxos destinatarios son as persoas con 65 anos e os grupos de risco maiores de 18.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud