O 061 DE GALICIA ASISTIU PRETO DE 2.000 PERSOAS POR ACCIDENTES DE TRÁFICO AO LONGO DO VERÁN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
09 09 2023


​A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu a 1.951 persoas por accidentes de tráfico durante o verán deste ano, desde as 15.00 horas do venres 30 de xuño ata as 23.59 horas do 3 de setembro. A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 1.808 chamadas en relación con sinistros na estrada. 

As chamadas de demanda por esta causa xeraron 1.479 asistencias sanitarias dos recursos asistenciais mobilizados pola Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 58 e do 42% respectivamente. Respecto ás idades dos feridos, obsérvase que o 25% das persoas atendidas tiña entre os 45 e os 59 anos.

Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 578 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia

Accidentes

A Coruña

578

Lugo

166

Ourense

164

Pontevedra

571

Galicia

1.479

Os recursos sanitarios mobilizados polo persoal sanitario que atendeu as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 1.783. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en 163 accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu en 27 ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 1.480 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 113 accidentes. 

En 1.626 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes,  304 persoas foron asistidas no lugar do sinistro e 21 persoas faleceron no punto.

Como actuar ante un accidente de tráfico

Ante un sinistro na estrada, lembre aparcar o vehículo nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Antes de atender aos accidentados, adopte as medidas de seguridade axeitadas, para evitar poñer en perigo a súa vida. Lembre utilizar roupa reflectante de alta visibilidade e sinalizar o lugar do accidente cos triángulos de sinalización ou as luces de emerxencia regulamentarios. 

Chame canto antes ao 061, deste xeito, os profesionais médicos da Central de Coordinación indicaranlle que facer e como actuar ante os posibles feridos, ao tempo que os recursos asistenciais do servizo de urxencias sanitarias se desprazan ata o punto do sinistro. A persoa ou persoas que se atopan no lugar poden ser de grande utilidade porque canto máis datos se faciliten, máis se axudará aos profesionais da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Facilitar o emprazamento exacto e correcto do lugar do accidente, e precisar o estado dos feridos é fundamental para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios que dependerán da gravidade do sinistro. Así mesmo, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.

Cómpre subliñar que o 061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas lesións poden ser atenuadas e moitas vidas salvadas se reciben a asistencia axeitada.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud