Hoxe luns, día 11 de setembro,
108 alumnos de sexto de medicina incorporáronse á Área Sanitaria de A
Coruña e Cee para iniciar as súas prácticas de rotatorio nos distintos
hospitais que forman o Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e nos
distintos centros de saúde do Sergas, ata o vindeiro mes de maio.
A calidade da docencia impartida e a formación e dedicación dos titores, as
instalacións hospitalarias ou a avanzada tecnoloxía clínica e diagnóstica do
CHUAC son uns dos aspectos máis valorados polos alumnos á hora de elixir este
centro hospitalario para completar a súa formación académica.
O acto de benvida aos alumnos, aos que se lles entregou toda a
documentación necesaria para iniciar o seu período formativo na Área Sanitaria
de A Coruña e Cee, estivo presidido polo xerente, Luis Verde Remeseiro; pola presidenta
da comisión de docencia, Rosario López Rico; pola xefa de estudos da unidade de
atención primaria, Nieves Domínguez González; e polo coordinador de Docencia
Pregrao, Juan Carlos Vázquez Barro.
O xerente da Área Sanitaria de A Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro,
deulles a benvida aos novos alumnos e agradeceulles que tivesen escollido os
distintos centros asistenciais que forman parte da Área Sanitaria para
completar esta importante etapa de formación, pois nestes “recibirán unha
formación de alta calidade, cun equipo docente excepcional e cunha atención moi
personaliza e integral”.
O rotatorio é a etapa final da carreira de medicina e cirurxía. Trátase dun
conxunto de sinaturas totalmente prácticas que se cursan durante o sexto curso
da carreira. Nelas, os alumnos incorpóranse ao hospital e centros de saúde que
elixen e nos que realizan esta formación tutelados por facultativos do hospital
-profesores asociados da universidade-, formándose en áreas como clínica
médica, clínica cirúrxica, clínica obstétrico-xinecolóxica, clínica pediátrica,
clínica psiquiátrica, rotación en medicina de familia e comunitaria, e rotación
en urxencias, servizos centrais, etc.