COMESAÑA CLAUSURA O CURSO DE MULLERES QUE CONVIVEN CO VIH SALIENTANDO A ABORDAXE DA ENFERMIDADE CON PERSPECTIVA DE XÉNERO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 09 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientou a abordaxe con perspectiva de xénero das enfermidades na clausura do curso ‘A mellora da calidade de vida das mulleres que conviven co VIH’ que a Sociedade Galega Interdisciplinaria de SIDA (SOGAISIDA) organizou en Vigo.

O titular da carteira sanitaria eloxiou “o detallado programa do curso, que tratou moitos dos problemas das mulleres que viven co VIH, como a contracepción e a planificación xestacional, alteracións metabólicas, a menopausa, trastornos neurocognitivos e de saúde mental”.

Sobre a enfermidade, Comesaña lembrou que Galicia ten a meta de acadar en 2030 a Estratexia 95-95-95. Aspírase a que o 95% das persoas infectadas co VIH estean diagnosticadas, que o 95% das diagnosticadas estean a tratamento antirretroviral e que o 95% desas persoas a tratamento teñan a carga viral indetectable. Finalmente, nos últimos anos formúlase o cumprimento dun cuarto 95% relacionado co curso desenvolvido en Vigo, que é o referido a que as persoas que viven coa infección VIH teñan un bo nivel de calidade de vida. Do total de persoas coa enfermidade, segundos os datos do Informe de Vixilancia Epidemiolóxica do VIH e sida en España de 2021, o 12% das novas infeccións corresponden ao sexo feminino.

Para poder alcanzar eses obxectivos, desde xullo, a Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración co Servizo Galego de Saúde e as áreas sanitarias que o conforman, estableceu o proxecto Urxencias VIHXÍA. Búscase diminuír o atraso diagnóstico do VIH fomentando a súa detección precoz en determinadas situacións de risco que poden ser identificadas nos servizos de Urxencias. Ademais, en colaboración coa entidade CASCO, estase a desenvolver na Coruña o programa piloto VIHXÍA MÓBIL que consiste en realizar cribados con probas rápidas anónimas mediante unha unidade móbil que se despraza a lugares de ocio onde se lle ofrecen probas á poboación máis vulnerable a estas infeccións.

Con estas iniciativas, agárdase detectar de forma precoz a infección por VIH que, segundo o último informe nacional, sitúa o valor da mediana dos casos detectados nas mulleres nos 49 anos, cando para os homes foi de 36 anos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud