A XUNTA INVISTE 15,8 MILLÓNS DE EUROS NA ADQUISICIÓN DE MATERIAL PARA CIRURXÍA CARDÍACA DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 09 2023

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a contratación e subministración de material funxible para os servizos de Cardioloxía das distintas áreas sanitarias do Sergas, por un importe de 15.824.948 euros. A devandita contratación farase mediante a modalidade de procedemento aberto, e estará dividida en 37 lotes atendendo á variedade de material funxible coa que conta a especialidade da cirurxía cardíaca. Así, a duración inicial do contrato estenderase durante os vindeiros tres anos.

Trátase da primeira contratación centralizada deste tipo de material, o que permite acadar unha maior eficiencia dos recursos e un mellor prezo na adquisición duns produtos que serán empregados polo Servizo Galego de Saúde. O obxectivo deste tipo de contratación é unha redución media dos prezos actuais de compra de entre o 4% e o 5%, o que suporá un aforro estimado de 109.641 euros ao ano.

Entre os produtos sanitarios que adquirirá a Xunta a través deste expediente atópanse: cánulas de perfusión arteriais e venosas, catéteres, equipos para infusión cardioplexia, sistemas de canulación para asistencias ventriculares, hemoconcentradores para circulación extracorpórea, estabilizadores epicárdicos, vainas, ou dilatadores, entre outros.

Os centros hospitalarios do Sergas que realizan cirurxía cardíaca (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo) levaron a cabo un total de 1.914 intervencións durante o ano 2022. Así mesmo, durante os oito primeiros meses do presente ano, fixéronse 1.292 intervencións de cirurxía cardíaca. No que respecta ao servizo de cirurxía cardíaca infantil, a área sanitaria da Coruña realizou 68 intervencións o pasado ano e 53 ao peche de agosto de 2023.

Mediante este expediente, a Xunta garante o aprovisionamento do material preciso para continuar coa mellora continua da calidade asistencial e da sustentabilidade económica do sistema sanitario público galego.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud